Opinión

O poder é o que importa

Por enésima vez, o medo a perder o poder veu a demostrar que as promesas e denuncias diante a Xustiza non valeron para nada. Todos eses feitos foron foguetes de artificio que non tiñan valor ningún. Manterse no poder vale máis que todas as promesas, xuramentos e anuncios varios. Se temos que sacrificar a alcaldía da cidade por manter o chiringuito da provincia, que ninguén teña dúbida que o primeiro sempre é o poder. 

Pode que estivera escrito dende a noite electoral do 28M. Pode tamén que o do pacto a tres fora un lance para que o tempo pasara en conversas e propostas sen contestación dos implicados. Mais que ninguén se engane: Ourense é a provincia proscrita que ten que sacrificarse para que esa forza política siga recollendo os votos e os escanos que dan a maioría en Compostela, e Jácome é un atranco no camiño que pasará á escura historia desta cidade. O importante para os populares é o poder, o demais non importa. 

Os ourensás deben saber que, diante a perda do poder, non vale nada a palabra dada. Tampouco vale nada que unha maioría social teña que aturar as falcatruadas, insultos, disparates e depreciación da vida institucional do Concello para que os de sempre sigan montados no machiño. Eso non importa diante o pracer e salarios que aporta o estar montados ó redor da cadeira de mando. 

O pacto feito en Compostela estaba previsto dende que se souberon os resultados. Se acaso, xogaron con dúas alternativas: a primeira, o pacto que todos coñecemos, e a segunda, un posible acordo a tres con moi poucas posibilidades de ter éxito, pois todos querían o peso e as cinco pesetas. E neste caso todos teñen algunha culpa, aínda que máis os concelleiros, con Cabezas de primeiro, que se plegaron como nenos ben mandados ás ordes que viñan de Santiago. Non foron capaces de rebelarse e trocar o camiño que leva ó sacrificio desta cidade como se fora un rito que estaba escrito de antemán. 

E digo eu, se dentro duns meses o alcalde é imputado, que farán os populares? Tragar ou tentar facer unha moción para que se vaia? E se eso fora posible, con quen?

Quen se fía deles? No mandato anterior gobernou Jácome con tres edís de 27, e os demais de convidados de pedra, protestando uns e outros calados. 

Non hai moitos días, varios dos concelleiros electos afirmaban publicamente que nunca votarían a Jácome. E aínda que non o fixeron directamente, si o fixeron indirectamente. E por moito que se diga e se desculpen, todos tragaron o sapo amargo e agora son aliados do que os insultou e menosprezou cantas veces quixo. Ah, e despois do acontecido, as denuncias van ser retiradas como mostra da amizade é do pacto asinado? Supoño que a todo chegaremos.

A vida política dá tantas voltas que parece un tiovivo que xira e para segundo a comenencia dos que o manexan. E, en Ourense, seguimos atados a quen acepta sumiso o que mandan dende Compostela ou Xénova, e así nos vai. E o malo é que na capital das Burgas ninguén se rebela e dá un golpe na mesa para que remate esta vergoña que milleiros de ourensáns soportamos. En fin, de novo volverán as escuras anduriñas, e despois ás ocorrencias, disparates e chapuzas dun grupo que escaralla todo o que toca. E todo para seguir no poder os populares, que é o que máis lles importa. De pena. 

Te puede interesar