Opinión

O populismo político é a solución?

Identificar o que é o populismo político disfrazado de patrioterismo, para distinguilo das propostas racionais que teñen visos de seren realidade, debera ser un obxectivo a perseguir por todos os electores. Con moita frecuencia acontece que a grandes e moi complexos problemas e reivindicacións sociais, sempre hai quen oferte solucións sinxelas. Solucións que pasan por seren moi drásticas pero que non son máis que mensaxes que calan na xente, pero que logo non se poden levar a bo termo e, de non poñer as cousas peor do que están, non arranxan nada.

Vivimos nunha sociedade globalizada nas comunicacións e na economía, mais non nos dereitos sociais. E esa sociedade sumamente diversa na que conviven xentes de varias condicións, obxectivos e pretensións é moi complexa e tamén moi contradictoria.

As persoas, a día de hoxe estamos saturadas de información, moitas veces non contrastada. Información que circula a toda velocidade que nos obriga a sintetizar para quedarnos so co titular sen entrar a afondar no contido e na veracidade das novas que recibimos. Novas que, en certa medida, condicionan as nosas decisións. E iso é un grave erro. Aínda que non o pareza, a día de hoxe estamos moi indefensos diante a manipulación e as noticias falsas que inflúen na vida cotiá. E nese terreo móvense moi ben as mensaxes dos grupos políticos populistas. Móvense para vendernos promesas que seica solucionarían axiña os problemas que temos. 

Ollar a realidade do pais, ver a crise económica que nos afecta en forma de paro, de baixos soldos, así como o problema dos migrantes, o da vivenda e mesmo os asuntos que cuestionan a unidade territorial do Estado, crea en nós certa inquietude e inseguridade. E nese intre é cando aparece o populismo afirmando que todos eses problemas arránxanse con decisións drásticas aplicando a lexislación e ditando leis que abran a porta ás expulsións de xente, a restrinxir dereitos e mesmo aplicar o artigo 155 para o tema catalán. 

Promesas que se sabe non se poden cumprir. Pois nin se pode arranxar o problema do emprego cargando as costas sempre sobre unha a parte social; como tampouco se pode expulsar os inmigrantes sen atender a lei vixente e tratados internacionais. Igualmente tampouco se pode ignorar que hai millóns de persoas que mudaron de forma de pensar e que non lles gusta vivir nunha determinada estrutura territorial e política. Todo é moito máis complexo do que parece e, polo tanto, máis dificil de arranxar con bravatas que miran cara tempos superados. Por iso, cando estamos ás portas dunha novas eleccións xerais, a linguaxe das promesas remitida en mensaxes cargadas de contundencia e radicalismo non son a mellor forma de deixar atrás os problemas que temos. Mensaxes simples con acusacións directas; solucións drásticas para asuntos de moito calado e grande complexidade. Mensaxes que hoxe circulan polas redes sociais e medios e que lle poñen remedio a case todo. En fin, compre ser sumamente críticos e prudentes como receptores que somos. O populismo político e partidario que nos quere levar ós anos grises do pasado e que tantos practican, so traerá retroceso social, desilusións e fracaso social.

Te puede interesar