Opinión

Pórtico do paraíso e homenaxe á banda

Dous acontecementos culturais de suma importancia foron nestes días noticia na cidade das Burgas. Dúas actividades que viñeron dar satisfacción a amplos sectores dunha sociedade que necesita cultivar a sensibilidade musical e afastarse do acontecer diario para, aínda que sexa por poucas horas, meterse no mundo da música culta, da creación artística, do virtuosismo instrumental e vocal e fuxir do barullo diario que convive con nós.
O primeiro acontecemento refírese a celebración da oitava edición do festival musical Pórtico do Paraíso. Trouxo este festival oito concertos diferentes que abrangueron pezas dende música vocal e instrumental antiga ate obras e cantigas de autores do século XX. Todo un percorrido que achegou ós ourensás obras e autores descoñecidos e que soaron en lugares emblemáticos da cidade. Vimos e escoitamos interpretacións cheas de mestría por virtuosos que poucas veces temos a oportunidade de escoitar en Ourense. Todos os concertos tiveron o seu aquel, todos deixaron un bo sabor de boca, todos foron seguidos por moita xente con suma atención; xente ansiosa de escoitar música de calidade. Incluso xentes vidas doutras partes de Galicia achegáronse á esta Auria que amosaba un fito cultural que parece estabilizarse e perdurar no tempo. Ben sei que todos os concertos son merecentes dunha mención, pois todos foron extraordinarios. Pero ao meu modo de ver, e por aquelo da proximidade musical e afinidade ós instrumentos de corda pulsada, destacarei o concerto de laude renacentista que deu Paul O'Dette, pois a interpretación deste virtuoso levounos a visualizar ás dificultades para tocar este instrumento de oito ordes, a calidade das músicas e tamén o bo facer do executante.


O segundo acontecemento foi o celebrado no Liceo o venres pasado, e tiña como obxectivo unha homenaxe á Banda de Música da cidade. Foi un acto cheo de calor humano e musical que empezou coa lectura, por parte do membro de grupo promotor do acontecemento Arturo Fernández, dun breve pero emotivo discurso sobre a biografía da nosa centenaria banda, do seu traballo musical e, recollendo verbas de Antonio Machado, remarcou que soamente “os necios non saben distinguir entre valor e prezo,” referíndose a propostas que se fixeron no Concello sobre o custe dos servizos culturais que esta formación musical lle presta á cidade.
A continuación a Banda interpretou tres obras nas que amosou a súa gran calidade musical. Logo, o grupo Vellos Amigos de Manuel de Dios interpretou tres pezas e, despois da entrega dunha placa conmemorativa e das verbas de agradecemento do director da formación, Francisco Pérez Rodríguez, pechouse o acto coa interpretación do himno da provincia.
Ourense, durante estes días, irradiou cultura musical. Música sen aditivos e en directo. Estes eventos amosaron que na nosa Auria latexa un corazón que reclama que se sigan organizando festivais de calidade; que quere que estes se manteñan no tempo e o nome de Ourense circule como lugar de referencia na música clásica; que aspira a ter formacións estables como a nosa Banda de Música que son punto de referencia a seguir por outras que á miran con envexa san pola súa calidade.
Parabéns para os organizadores destes eventos, parabéns para o director e compoñentes da nosa Banda de Música e parabéns para os entes públicos que fan posible estas realidades culturais. Esperemos que no futuro se sigan potenciando os mesmos e aumentando a súa presencia na nosa Auria.

Te puede interesar