Opinión

O povo é quen máis ordena

Vivimos en democracia e, aceptando esta realidade, o pobo é quen máis ordena pois elixe os seus representantes e eles as maiorías gobernantes. Pero resulta que levamos dende o 20 de decembro cun goberno en funcións e estamos, alomenos unha gran maioría de cidadáns, insatisfeitos; como di unha cantiga da música comercial de consumo diario, “no hay manera”.

E diante un panorama de ter que escoitar diariamente “a culpa é túa”, pois ninguén quere cargar con ela, esta de novo quedará solteira e sen compromiso.

O máis curioso do asunto, segundo as enquisas, é que os que menos se moveron para amañar este tema, os que fixeron a oferta de non tocar nada do pasado e mirar para adiante como se nada acontecera, parece que serán os máis beneficiados se hai que votar o 26-X. Pola contra, os que tentaron buscar acordos van perder representación.

Ben sei que estas premonicións veñen de enquisas e que pode acontecer que se cumpran ou se desvíen, pero o certo é que parece que nestes momentos a racionalidade política quédase aparcada para darlle saída ó cabreo e o inconformismo; para darlle espazo a lingua desatinada no bar, no bus ou nas faladoiros familiares. Por iso non entendo ren do que está a acontecer. Polo que semella que o noso mundo camiña ó revés. E algo hai diso cando se castiga máis a oposición que a quen goberna e viviu e vive enlamado no xurro e na corrupción.

Agora que pasou outro 25 de abril, si, o da Revolución dos Caraveis no país veciño, lembro a frase que todos os progresistas e demócratas berramos e que pasou á historia: o povo é quen mais ordena. Por iso moitos percibimos que a día de hoxe, en certa medida, o mundo camiña revirado e torto. E se non fixádevos no que acontece moi preto de nós. Na vella Auria, neste Ourense, o equipo de goberno da institución provincial censura a un membro da oposición por facer o seu traballo. Ou sexa: fiscalizar ó goberno. Ou si queredes imos un chisco máis lonxe a institución do saber e da ciencia como é a universidade. Fixádevos, nomearon a moitos honoris causa e resulta que case todos son delincuentes, defraudadores, ladróns e mesmo tunantes. Todos portadores de leccións maxistrais e de consellos que eles mesmos burlaban. Vaia chiste. Por iso, moitos teóricos da política, dominadores da verborrea e do populismo, prometen o ouro e o mouro. Teñan moito coidado que soamente son teóricos que non viron o sacho nin pisaron a lama nin viviron na estreiteza económica. Si, dan leccións que son pura teoría.

En fin, que como me dicía o meu amigo Manuel da Castellana: “Mira, eu non che fun a universidade, pero agora déronme o título de licenciado pola vida”. Si, licenciado da experiencia. Por iso, cando vexo nas redes sociais a moitos cidadáns e xente de boa fe repetir a frase de que o povo é quen máis ordena, pois digo, na miña terra ordena que goberne quen gobernou case sempre e mira como imos: de mal en peor. Mais a xente, que é a que máis ordena, vai premiar de novo ós mesmos de sempre. E iso lévame a pensar que a sociedade, coas súas contrariedades, tamén é cómplice da situación actual por guiarse por impulsos e non pola racionalidade.
 

Te puede interesar