Opinión

Na procura da felicidade

Nesa organización piramidal que é a igrexa, o celibato chegará a ser opcional, pois os tempos mudaron moito

Todos os seres humanos na vida tratamos de buscar a felicidade como meta ideal. Ben sei que hai moitas definicións sobor da felicidade. Escollín dúas. A primeira di: Estado de grata satisfacción espiritual e física. A segunda: Estado de ánimo da persoa que se sinte plenamente satisfeita por desfrutar de algo bo.

Ámbalas definicións sinalan o estado de satisfacción da persoa como eixo fundamental pra ser feliz. Polo que, por dedución, enténdese que cando unha persoa está satisfeita coa súa misión na vida está feliz e, se non é así, trata de buscar outra meta que ó satisfaga no seu existir.

Hai uns días un bispo, din que controvertido pola labor episcopal que facía, no canto de ter unha amante agochada, decidiu, por amor, deixar o seu cargo pra ser máis feliz. Xa sei que os máis relixiosos dirán que o deixa polo amor mundano, e outros, que está nas mans do demo e que hai que facerlle un exorcismo. O asunto non sería unha nova de non ser por aquelo de tratarse dun purpurado da Igrexa que deixa os seu votos de castidade e comeza un novo camiño na vida. Esta decisión que non é nova e que xa a tomaron moitos cregos pon sobor da mesa un debate sobre o celibato obrigatorio pra exercer de cura ou de bispo. Na actualidade sábese de moitos cregos que casaron e que, baixo a tolerancia da Igrexa, seguen a dicir misa e non pasa nada. Na nosa terra hai varios. Eles, discrepando neste senso da doutrina oficial, esgrimen como defensa de que o celibato é unha imposición que se comenzou no Concilio de Elvira en Granada (nos inicios do século IV), e que logo foi eliminado no de Nicea 325, pra ser posto de novo en vigor nos de Lastrâo I (1125), II (1139) e III (1179) e logo ratificado no de Trento (1545). Esta imposición que, a día de hoxe está fora de tempo, agudízase na institución relixiosa coa falla de cregos pra atender as parroquias espalladas polo rural galego.

Sinalei que todas as accións humanas procuran a felicidade da persoas; unhas están no eido mundano da terra e outras no espiritual ou relixioso. Mais tamén sabemos que a felicidade é un compendio que implica sentirse realizado en ámbolos dous estadios. E neste senso unha persoa, un crego que proclama e profesa unha relixión, podería compatibilizar casar e ter fillos e, á vez, realizarse como persoa sen ter que renunciar á vida clerical, pois estaría cumprindo dúas facetas: a da vida matrimonial en familia e a de ser crego.

O bispo de Solsona deu un paso que amosa valentía e sinceridade. Namorouse e quixo sacalo á luz pública pra non ter que agochalo ou andar dando que falar. Outros cregos non dan o paso, e fomentan que as linguas murmuradoras, que tanto dano lle fan a institución relixiosa, falen. Facede o que eu digo, non o que eu fago, di un dito moi popular que se basea na sapiencia de que somos humanos e polo tanto temos moitas debilidades. Condenar os impulsos da natureza parece un feito pouco natural cando ser crego e formar unha familia cunha muller son realidades compatibles.

En fin, estou seguro que o debate non tardará moito tempo en abrirse e, nesa organización piramidal que é a Igrexa, o celibato chegará a ser opcional, pois os tempos mudaron moito. E se non andas cos tempos perdes o tren e quedas ancorado nun pasado moi anacrónico. Ademais, os seminarios andan moi escasos de vocacións. E en tempo de escaseza hai que aproveitar o que xa se ten.

Te puede interesar