Opinión

Promesas que leva o vento

Cando estamos metidos nunha nova campaña, volven a sonar, a modo de cantilena, que non de cantiga fermosa, promesas electorais inconcretas que de seguro levaraas o vento e que, no mellor dos casos, servirán para ser lembradas por quedaren rexistradas nalgún medio falado ou escrito. Este ritual vense celebrando periodicamente, como se dunha liturxia profana se tratara. Durante estes días escoitaremos machaconamente slogans e frases, afirmacións e desmentidos que tentarán encandilarnos e levarnos ó colexio electoral a votar. Pero durante este proceso seguirá campando a falla dun análise reflexivo do que cada formación representada no Parlamento Europeo fixo durante a lexislatura que finou. Por exemplo, como cidadán galego, quixera saber que papel desenvolveron os parlamentarios desta terra que estiveron incluídos nas listas das formacións estatais do PP e do PSOE, cal foi a súa actividade, que propostas presentaron para solucionar os problemas anacrónicos que ten esta terra. Posiblemente os cidadáns, que nin coñecen nin saben os nomes deses representantes, volverán escoitar as súas verbas e verán os seus sorrisos nos carteis pedindo o voto.

Entendo que isto de explicar a xestión debía ser o punto de partida, pois antes de escoitar as promesas hai que saber cales foron os comportamentos, cales as coherencias e incoherencias que uns e outros fixeron mentres foron deputados europeos. De seguro que moitos votantes levarían moitas sorpresas negativas e arrepentiríanse de ter confiado no partido que escolleron. E despois de aclarado isto, teríamos que analizar as propostas e promesas que se nos fan. Promesas que, fuxindo de eufemismos e inconcrecións ás que estamos habituados, poidan ser interesantes para o conxunto dos cidadáns, neste caso galegos. Mais parece que nada se move con respecto a campañas anteriores. Polo que cabe deducir que as organización políticas son moi reacias a trocar e corrixir hábitos e erros.

Vive a nosa sociedade, por mor de diversas causas, entre elas a mala praxes política, sumida en defectos herdados como a corrupción, presa dun liberalismo e capitalismo deshumanizado, voraz e depredador, polo que existe unha grande desafección que afecta a clase gobernante e mesmo ás organizacións sociais de todo tipo. Parece que neste intre todo está en revisión permanente. Todo está baixo a lupa crítica de millóns de ollos que, un tanto medrosos, outean o futuro moi inconcreto e negro. Por iso penso que as asociacións que forman o entramado social son necesarias para a vida comunitaria. Igualmente que entendo que non hai organización humana perfecta e, polo tanto, que lle dea contestacións que satisfagan as demandas de todos os cidadáns á vez. Con todo, cando nestes días escoitemos as vellas sintonías das formacións políticas, lembremos que somos os cidadáns os que temos a obriga de pedir aclaracións; temos a obriga de esixir claridade para logo decidir o noso voto. Tamén nestes días escoitaremos novas músicas e visualizaremos a novas forzas políticas, aire novo, que tenta rachar o bipartidismo. Abramos ben os oídos e participemos na vida democrática. Traballando e esixindo, as promesas deixaran de ser frases electorais que leva o vento para convertérense en compromisos serios cos cidadáns desta terra. E, sobre todo, acudamos a votar premiando ou castigando comportamentos e actitudes. Pois a abstención non serve para solucionar os problemas que padecemos como sociedade.

Te puede interesar