Opinión

Unha reforma contra o extrarradio

Celebro que as asociacións veciñais formen piña e lle fagan ver o alcalde de Ourense que   darlle a volta á filosofía pola que naceu hai moitos anos  o servizo dos autobuses urbanos nesta cidade  sen un estudio serio económico e de paradas, etc. é un disparate. Como tamén  detesto que, mobilizando ós bombeiros,   o alcalde mande retirar unha pancarta que reclama que os autobuses sigan vindo a Seixalbo nas frecuencias actuais. O pequeno ditador sempre dando a nota e movéndose no fango como os xabaríns. Mais este incidente  só fai reforzar a unidade dos veciños para seguir opinando sobre un servizo  que para nós é fundamental. 

Debe ser o terceiro  intento no que Jácome  anuncia unha modificación  total das liñas,  horarios e frecuencias dos autobuses urbanos.  E a non poucos xúrdenos a pregunta de si todo o que se anuncia está dentro da legalidade  e a racionalidade na  que se teñen que mover as  decisións das institucións públicas. A día de hoxe, os cidadáns deben saber que a concesión actual está en precario dende o 2015, o que implica  un gasto a maiores nas arcas municipais de 400 mil euros cada ano. Algo semellante tamén  acontece con outras concesións de servizos  que están en situación  parecida e,  de non  pór orde nese desbaraxuste, o dispendio de cartos  a día de hoxe no Concello é infumable. O de  aforrar cartos das arcas municipais  non é máis ca un farol que se lanza, de cando vez, dende o microgoberno actual.

  Non sei se os ourensáns  saben  que para que as cousas vaian polo camiño da normalidade,  antes de modificar liñas, existen  tres saídas posibles para solventar este tema: sacar a concurso público a concesión, o que implica facer un prego de condicións  ben fundamentado; municipalizar o servizo,   ou facer unha empresa pública. Mais todo iso non se pode afrontar sen  un estudo económico, marcando obrigas e  compromisos do servizo. No  caso dos autobuses:  marcando liñas,   frecuencias, horarios, mantemento,  etc.  Sen facer iso,  a reforma total do servizo de autobuses urbanos entra no campo das elucubracións e anuncios  que o poden escarallar máis todo.

A forma xeográfica desta cidade condiciona fortemente o funcionamento e eficacia das liñas. As  que van de norte a sur ou viceversa son as que máis xente moven con moita diferencia sobre as este-oeste.  Quintela e Santa Cruz cara ó  Cumial, a Residencia;  Cudeiro  na  mesma dirección, incluindo á zona da  Residencia, e o barrio da  Valenzá teñen un numero moi elevado de viaxeiros. Todas estas liñas pasan polo centro da cidade, tendo actualmente  unha frecuencia de menos de  dez minutos.  Calquera  cidadán que este na Ponte ou zona norte  pode vir ó centro sen espera ningunha. Pola contra,   as conexións este-oeste moven moita  menos xente cás primeiras. É nesas zonas e barrios  onde hai  que pór máis servizos, o que implicaría posiblemente o emprego de  vehículos máis pequenos, pois as rúas son máis estreitas e sinuosas e en non poucos casos   moverse  con estes  autobuses é complicado. Estoume referindo á parte da zona do Couto, tamén a Cruz Alta e outros lugares.  Pero optar por eliminar liñas a puntos -como é o caso- de barriadas importantes,  é tanto como desvestir un santo para vestir a outro e crear un problema onde non existe. A todo o dito, a proposta que fan as asociacións veciñais parece moi sensata. Onde as cousas funcionan ben, mellor non tocar; e onde faltan servizos,  hai que mellorarlos da mellor forma posible.    Inha cousa é axustar unha liña, modificar un horario en base a un estudo económico e ceñido a concesión, e outra moi distinta cambiar o servizo na totalidade en percorridos, número de liñas e frecuencias.  Todo   elo  perxudicando a zonas concretas do extrarradio como é o caso de eliminar que os autobuses entren a  núcleos como o caso de Seixalbo, Urbanización Porteiro e zona antigua de Unicar, Velatorio das Burgas,   subir ó centro de saúde da Cuña,  ou non poder ir  á Estación da Ponte  sen transbordo.

O asunto amosa ausencia de criterios. Na medida soamente se busca dar a nota a cambio de desfacer un servizo que ate agora funciona  ben. Un servizo que naceu para unir ó rural do concello coa cidade e non para velo como unha carga e aillalo máis do que xa está.

Te puede interesar