Opinión

Os refráns na política

O refraneiro popular sempre deu frases para ter en conta. Os refráns son ditos que, baseados na experiencia de milleiros de anos, deixan unha conclusión que axuda a reflexionar sobor dun feito ou dun acontecer que nos afecta individual ou de maneira colectiva. Pois ben, o acontecido recentemente no Concello de Ourense, coa volta ó poder dos populares, deixa un tufo que cheira moi mal. E digo que cheira que alcatrea pois o pacto co inquilino Jácome e os seus acólitos, por moitas voltas que lle dean, non deixa de ser un fiasco monumental no que os populares, esqueceron aquelo que di “o que con rapaces se acosta”, pois está a acontecer nunha cidade sen mar. E é así pois o descalabro no concello nestes dous anos, máis os catro anteriores do sr. Vázquez, pasará a historia desta Auria como un tempo de desfeita e escuro que precisa esquecerse axiña e facer unha catarse colectiva, pois todos temos algo de culpa no asunto.

A volta mendicante do PP ao goberno, por moitas voltas e xabón que lle dean os seus voceiros, é unha baixada de pantalóns dos populares diante o trío Pachán. Volver ó poder para non quedar fora da foto e, porque non dicilo, cobrar o soldo, é de por si un claro indicativo de que na política do Concello estes señores non están para servir á cidadanía. Están, entre outras cousas, para cobrar e vivir da política, e o demais que o parta un raio.

Salvar a Deputación trouxo este descalabro. Trouxo o desprestixio dos ourensáns diante o resto de Galicia e fora dela; trouxo poñer na cadeira de mando a un señor e un grupo de persoas que chegaron ao Concello para escarallar o pouco que funcionaba medianamente ben. E agora, os que se opuxeron á moción de censura, e impediron que a lista máis votada formara un executivo en minoría, culpan ós demais da súa inacción e, véndose fora de xogo, axeónllanse e tragan o sapo ante un triunvirato que lles gañou a partida e que tamén está en minoría.

Moitas veces pregunto se o PP ourensán saberá vivir sen ter poder. Pregunto se poderá existir na oposición sen ter a Deputación. Pois na súa traxectoria sempre tivo o obxectivo de estar montado no machiño a costa do que fora. Primeiro UCD, logo, desaparecida Coalición Galega, formaron Centristas de Ourense e posteriormente todos en manada ao PP. Cheiráballes o poder e o mando en praza e iso é algo que tira moito.

Tanto a provincia como a cidade nas vindeiras eleccións municipais terán un reto que afrontar. E os cidadáns serán os que dirán a derradeira palabra co seu voto. Mais, nunha cidade que esmorece e unha provincia que camiña cara un deserto humano, os votantes, se son conscientes desta realidade, terán que decidirse ante o dilema seguinte: ou seguir esmorecendo ou explorar outras alternativas.

Os experimentos, cando se fan con algunha forza política moi peculiar como é o caso desta cidade, son acordos para a foto e nada máis. Carecen de credibilidade. Son un pufo que agora pagamos todos. Por iso, os refráns aplicados á política deberían facer reflexionar a máis dun. E lembro un significativo: dime con quen andas e direiche quen eres. En fin, que os refráns están avalados pola experiencia e son fontes de sabedoría. Apliquémolos e seguro que nos ira mellor.

Te puede interesar