Opinión

Que remate o esperpento

Sempre pensei que a grandes e graves problemas se buscarían solucións drásticas. Mais vexo que os intereses partidarios e persoais son un freo para que as solucións cheguen, e así rematar co deterioro dunha institución como a do noso Concello. Ourense vive na política local un episodio nunca visto. Vintecatro concelleiros de vintesete censuran ó alcalde. Mais eses vintecatro non son capaces de artellar unha moción que o aparte da poltrona que hoxe ocupa. Como cidadán penso, e non son o único, que de seguir así case é mellor que desgobernen 3 e os outros 24 que se vaian pra casa. Desta maneira aforramos algúns cartos. 

A non asistencia do PSOE á xuntanza pra negociar a censura de Jácome lévame a pensar que, ou os da oposición tamén son uns rapaces, ou prefiren que todo siga esmorecendo no desleixo máis absoluto. Se a política non vale pra resolver problemas como os que temos hoxe en Ourense, entón pra que vale?

En fin, pra que remate este esperpento, póñanse as pilas, señores concelleiros. O argumento pra un pacto é sinxelo non fai falla moita letanía. É unha ocasión especial. Polo tanto, o grupo maioritario que presente un programa de mínimos e a buscar apoios pra levalo a cabo. Así saberemos quen é quen. Quen quere quitar a este alcalde e quen anda a marear a perdiz.

Ourense precísao. E se así non se fai, seremos, e serán tamén os concelleiros censuradores, o faime rir de toda Galicia

Te puede interesar