Opinión

Seixalbo e a cultura

No ano 1987 naceu en Seixalbo, da man da asociación veciñal San Breixo, a primeira Semana Cultural. O ano coincidiu tamén co nacemento da que foi Coral Agromadas e hoxe Asociación Cultural do mesmo nome. E rebulindo nos recordos lembro que, armados de carteis feitos a man, comenzou unha andaina que sigue a ser realidade. Naceu un tempo novo na periferia ourensán. Eran anos nos que as ansias e ilusións duns mozos cristalizaban nunha idea que anos atrás, no chamado Clube de Amigos, arredor da música, houbera intentos de facer actividades culturais de diversa índole.

Nin que dicir que eran os tempos nos que as notas de prensa feitas á máquina había que levalas ós medios de comunicación en man, o que implicaba un reparto polos locais da prensa escrita e falada. E no caso de Seixalbo, chamar moitas veces ó veciño Pavón pra que sacara á luz o anuncio daquela actividade ou reivindicación que se lle facía ós entes públicos. O certo é que aquela semana que nacía foise afianzando cos anos e, aínda que co nome, na actualidade, de Mes Cultural, chegou os nosos días e sigue a darnos momentos de ledicia. Foron eses anos moi importantes pra Seixalbo, pois aínda que cos chamados pedáneos en vigor, a asociación veciñal, que non era recoñecida polo Concello, daba un paso adiante, abría afiliación e poñía unha cota de pago anual, cousa que nunca se fixera, o que implicaba un troco importante, descoñecido ata o momento nestes núcleos da periferia.

Deste xeito, a asociación veciñal camiñaba afianzándose, pois conectaba coa xente que tiña moitas gañas de mellorar e arranxar os problemas que daquela había. Quizais o máis importante fora mellorar o precario saneamento e pavimentado das rúas. Logo veu o PERI e un longo etc.

Pois ben, nese contexto, a Semana Cultural era unha oferta, unha novidade moi distinta ás chamadas festas patronais, pois abría novos espazos pra cultura como exposicións, conferencias, xogos para os cativos, probas deportivas e unha cea de convivencia veciñal para os socios, punto de encontro onde intercambiábase e relacionábase a xente apuntalando o vincallo de comunidade que reivindica unida e desfruta unida. E iso, neste lugar, era algo que se precisaba, pois toda actividade cultural do Concello facíase na cidade e para a xente da cidade.

Neste 2021 estase a celebrar a 34 edición, e as lembranzas dos que estivemos metidos nesas leas saltan á memoria. Os anos bulen de presa. Pasan como se fosen un lóstrego que deixa pequenas sinais que hoxe reviven e saen á luz. E mirando cara atrás percíbense os moitos trocos habidos na sociedade, moitas melloras sociais que se acadaron nesta pequena vila. E co tempo andado, o recordo de todos aqueles que traballaron a reo por este lugar e xa non están con nós sae á luz. Mais, o que resulta máis salientable é ver que o que comenzou hai máis de trinta anos sigue vigoroso, a pesares de que neste noso Concello a vida cultural está en horas moi baixas, está morrendo. Hoxe en Seixalbo, con toda humildade, seguimos vivos camiñando feito que nos fortalece como lugar con entidade propia. En fin, sen pretender ser modelo, Seixalbo a día de hoxe ten dende a asociación veciñal e dende Agromadas unha programación cultural anual fixa, e eso é un motivo de ledicia que anima ós veciños a seguir camiñando e a traballar pra acadar o Seixalbo cultural que nos mantén vivo como comunidade.

Te puede interesar