Opinión

Serrat e os cantautores

Alá polo 1968 escoitei a primeira cantiga de Joan Manuel Serrat. Lembro que merquei nun estanco de Ponte Canedo unha revista que se chamaba Fans e nela viña unha cantiga co texto en catalán e cos acordes de guitarra. Tamén traía unha foto do artista. A cantiga chamábase: “Canço da matinada”.

Non sei a razón, pero aquela cantiga animoume a coñecer máis a personalidade deste rapaz que comezaba a camiñar no mundo da música. E dende aquela fun seguindo os seus discos pois, ademais da voz de barítono deste catalán universal, chamábanme a atención as letras: todas tiñan mensaxes moi interesantes. Eran os anos nos que os chamados cantautores tiñan moito espazo musical. Eses cantantes medio poetas que presentaban as súas pezas a golpe de voz acompañados cuns acordes sinxelos de guitarra. Son moitos os nomes que lembro: Manolo Díaz, Paco Ibáñez, María del Mar Bonet, Cecilia, Victor Manuel, Aute e un longo etc. Daquela todos falaban de liberdade. Era xente que traía unha linguaxe nova e moi distinta á música que circulaba nas emisoras daquel tempo. Era un aire fresco que falaba de problemas do momento e de realidades moi distintas á vida que a oficialidade do réxime publicaba no parte diario.

Naqueles anos, onde a música que reinaba era a da copla española, aquela cantiga en catalán chocábame moito e viña a dicirme algo: se vives en Galicia e tes unha lingua propia, emprégaa, canta e fala e faino sen complexos.

Naquela década de efervescencia social, a finais do sesenta, comezaban a xurdir e a escoitarse os compoñentes do grupo de cantautores galegos coñecido como Voces Ceibes e tamén un grupo ourensán que naceu con ex alumnos do Seminario: Folk Cantigas. Que lembranzas as deste fato de rapaces que cantaban aquelo que dicía: “Desperta rexión asoballada e mírate no espello que tes diante...”, ou aquela outra: “Algo cheira a podre ó noso arredor cando lle cortan as alas ó paxaro pra non voar; cando nin se pode loitar polos demais...”.

Nese tempo Serrat poñíalle voz a Antonio Machado, a Miguel Hernández e a outros poetas. Tamén musicaba textos propios, todos realmente fermosos. E nesa liña seguiu ate os nosos días. A súa estela poética e musical deixa tras de si un fato de fermosas cantigas que nos fan meditar e lembrar que nas cousas máis sinxelas da nosa existencia hai poesía. Atrás quedan títulos como: “El titiritero”, “Le llamaban Manuel”, “Fiesta”, “Cantares”, “Mediterráneo”, “Esas pequeñas cosas”, “Romamce de Currito el Palmo” e un sinfín de nomes que marcaron un tempo e unha maneira de plasmar na música a realidade dunha sociedade que fuxía do branco e negro e camiñaba cara a modernidade.

A día de hoxe ós cantautores son máis escasos. Quizais a situación política daqueles anos axudou a que ese fenómeno cultural tivera tanta resonancia. Hoxe mandan outros ritmos importados sen contido social e soamente pensados para a divertimento. Vivimos o tempo do contorneo sensual e o chunda chunda que o invade todo. En fin, Serrat marcou unha época que tivo unha característica: mesturar poesía e música dunha maneira que o fermoso ten a capacidade de transmitir beleza, sensibilidade ademais de mensaxe con contido. Que siga nesa liña moitos anos, aínda que non sexa dende os escenarios.

Te puede interesar