Opinión

Sim, meu señor

As imaxes que vexo lémbranme a época feudal na que o señor lle toma xuramento ao servidor. E os dous asinan o pacto cun abrazo simbólico. Un documento público para a posteridade que lembra un xuramento de fidelidade en tempos modernos. En fin, unha relación inesperada e, cando menos, peculiar quedará gardada na retina para lembrar aquel dito: todo é posible no eido da política. Logo, no espazo dos argumentos xustificativos, brotan os seguintes: “Si, o seu proxecto é ilusionante. Eu son libre pero, de agora en adiante, estou ao seu servizo para o que mande. Eu non son un tránsfuga, pero non dimito e votarei o que diga vostede”.

O señor síntese poderoso, forte e quere amosar a súa habilidade e destreza política no cargo para o que foi recentemente electo. O poder engrandece as xentes, vólveas duras pero, ás veces, convérteas en escravas dos obxectivos marcados pola ambición desmesurada. O servidor fala forte tratando de amosar e infundir convicción nun discurso político falto de argumentos sólidos e cribles. Non convence a ninguén. Os que somos testemuñas e milleiros de cidadáns un tanto escandalizados non dan creto a esta parodia surrealista, pero verdadeira. O primeiro di: “E logo viran outros do BNG, pois nestes días xa aumentaron en case un millar as altas no partido”. E, despois dun anaco de tempo, pero sen dixerir aínda a nova, un pensa onde queda a ética política das persoas. Onde está o valor da política como ferramenta para tentar traballar pola sociedade baixo uns criterios determinados nacidos dun pensamento ou dunha ideoloxía. Un lembra a milleiros de militantes, xentes que cotizan anos e anos nunha formación partidaria, que traballan polo partido a cambio de nada. ¿Onde está o valor da ideoloxía?

¡Si, meu señor.., estou para o que vostede diga! E eu, ao escoitar isto estou un tanto descolocado, atónito e sinto impotencia, pois vin a dous individuos que, rachando con toda norma ética, escenifican unha comedia que, tristemente, funciona con bastante normalidade na nosa vida política. Pero ¿en que país vivimos? Comentaba outro. Alguén contestou: ¡Na república independente de Ourense! E diante desta situación fágome algunhas preguntas: ¿Será crible que o principal opositor contra Elisa e que fixo dimitir recentemente ao tenente alcalde do Concello de San Cibrao, sexa un bo socio da alcaldesa?, ¿pensarán todos os cidadáns que os que andamos na política somos todos iguais? Négome a aceptar a crítica cega e enrabechada dos cidadáns que nos meten a todos no mesmo saco; que nos miden a todos polo mesmo raseiro, ou que aceptan e xustifican estas actuacións. As persoas que militan nun partido teñen dereito a discrepar, evolucionar ou trocar de proxecto en función das súas crenzas políticas. Pero o mesmo que afirmo isto, tamén digo que deben xustificar as súas decisións e deixar o cargo para o que foron electos ao marcharse cara a outra formación. Hai un tempo escribín que nunha relación aceptada sempre hai dúas persoas como mínimo. Por iso agora falo do receptor. Do que acepta coller ao que chega doutra formación, posiblemente, nun momento de debilidade persoal; nun momento no que se lle supoñen problemas de difícil solución. Si, o que exhibe o trofeo cazado no caladoiro do adversario político; do que entende a política desa maneira tan pobre e miserenta. Pero somos humanos e, como somos de tal condición, no pecado algunha vez iranos a penitencia.

En fin, estes días quedou rexistrado públicamente un episodio que lle fai dano a toda a xente que traballa día a día na política. Quedou rexistrado un feito tristeiro que deu a volta nos informativos da península para escarnio do que o fixo e de quen o acepta. Tomen nota os cidadáns e actúen en consecuencia. Tomen nota, pero non cometan o erro de xulgar a todos da mesma maneira. Pois, na política, non está todo o mundo para dicir: si, meu señor, engaiólame o seu proxecto; ou de agora en adiante estou para o que me diga, e outras cousas semellantes.

Te puede interesar