Opinión

Socializar as perdas

A avaricia por gañar cartos axiña, os estudos fraudulentos de mercado e outras cuestións, foron os avais para investir en negocios que, á vista do acontecido, foron un fiasco en toda regra. Eran os tempos daquel dito que José María Aznar acuñou: “España va bien”. E daquelas, como vivíamos na burbulla dun crecemento permanente, todo indicaba que as inversións en autoestradas radiais tiñan unha rendabilidade segura. Desta maneira apareceron estudos sobre tráficos que levaron a varias entidades a facer centos de quilómetros de autoestradas, a maior parte nas zonas circundantes a capital do reino.

Pero o paso do tempo demostrou que aqueles negocios baseados en estudios de mercado tan optimistas, semellantes ó que se fixo para a fusión das dúas caixas galegas, eran un fiasco en toda regra. Eran unha mentira da que alguén tería que responder. E ó chegaren os tempos das vacas fracas, os acredores destes negocios ruinosos chamaron ás portas do Estado para salvarse da queima e afrontar impagos.

E velaí o paradoxo: o Estado, que somos todos, ten que socializar as perdas, o que repercutirá en custes directos e indirectos para todos os cidadáns. Cuestión esta que se repite pois primeiro socializamos as perdas das caixas e agora veñen as das autoestradas, e a pregunta está cantada: se a nosa sociedade se move polo principio do libre mercado e estas operacións entran dentro dos proxectos que se fan ó amparo do chamado “risco e ventura” dos que deciden investir nelas, a que ven que o Goberno negocie con estas empresas para libralas da queima? Acaso cando hai ganancias reparten dividendos con todos?

“Todo fora do Estado” reza nun dos principios do liberalismo económico. Se a iniciativa privada é a que move a sociedade, pois crea riqueza e ten dereito a administrar as ganancias, a que ven esta intervención? Se iso é así, cal é a razón para que o pai estado teña que apandar co pago de miles de millóns de euros, pois fálase no mellor dos casos 2.400 millóns máis outros 450 para afrontar impagos deses negocios que agora son ruinosos.

Vivimos nuns momentos onde os servizos básicos están a ser privatizados, e xa se sabe que as empresas van a gañar cartos, co que os servizos públicos baixan en calidade e encarécense para os cidadáns. Ou sexa, manteñen o nome de servizos públicos pero soamente poden acceder a eles os que teñen medios económicos. Como é posible que gobernando o partido máis partidario das privatizacións, agora neste momento de forte crise, queira vendernos que temos que cargar coas débedas que teñen a súa orixe en estudios fantasiosos, que prometían moreas de vehículos circulando por vías que agora se perciben como innecesarias?

Socializar as perdas que dan dez autoestradas parece que é a idea do Goberno de Rajoy. Socializar os pufos, e para o demais non existe. Non existe para pedir responsabilidades de grandes desvaríos das entidades bancarias e outras corporacións que nos sisan permanentemente. Pero así andamos, ou se se quere: así nos vai.

Te puede interesar