Opinión

SOS Ourense!

OConcello de Ourense camiña dende hai dous anos nunha deriva na que todo o andado en épocas anteriores está a ser ou abandonado ou desfeito. Esta institución, capitaneada por xente carente de ética política, está levando á terceira cidade de Galicia a un desprestixio que avergoña a milleiros de ourensáns que nunca maxinaron que se podería chegar a esta situación.

Os cidadáns desta Auria vivimos unha etapa tan esperpéntica no Concello que somos o faime rir de todo o Estado. E non é unha esaxeración, pois temos un alcalde carente da máis elemental ética que sobrevive co apoio de dous concelleiros do seu grupo e co silencio dos representantes do Partido Popular que serven de paraugas, pois estes non fixeron máis que pór pegas pra facer unha moción de censura que trocara esta grave situación. A día de hoxe hai un equipo de goberno que é incapaz de afrontar os graves problemas que ten o Concello, como o de aprobar o PXOM ou renovar moitos servizos públicos que están en precario. A isto hai que sumarlle o non funcionamento doutros servizos que son a bandeira desta cidade cara o exterior. Desta maneira, están pechadas sen data a piscina das Burgas e as charcas de Outariz e a Chavasqueira, símbolos para unha cidade que presume de ter milleiros de litros de auga quente. Igualmente acontece coa perda de subvencións para a reforma da Praza de Abastos e a carencia de mantemento de rúas e beirarrúas onde todo está nun estado lamentabel, onde non se repoñen as árbores secas ou onde os parques e xogos para os máis cativos están desfeitos e cheos de lixo.

Mais nestes dous anos de mandato, a obsesión por derrubar todo o relacionado coa cultura e a súa marca foi o obxectivo principal da alcaldía. E seguindo as súas obsesións, tomouna coa chamada Universidade Popular expulsándoa das súas aulas; actuou vehemente contra a Banda de Música ata facela desaparecer; machacou o festival Pórtico do Paraíso; pechou o Auditorio, e foi incapaz, aínda coa pandemia, de organizar unha sinal das festas tradicionais como o Corpus e os Maios semellante ó que fixeron noutros lugares asociacións e concellos. Encheu o Concello de asesores e contratou a un “city manager” con un soldo estratosférico que non se sabe se vale pra algo máis que pra branquear cos seus informes os caprichos e ocurrencias do sr. Jácome. Este alcalde, coas súas obsesións e contratos de técnicos, menosprezou ós técnicos do Concello como si estes non valeran ren.

Ourense vive un tempo de desleixo en todos os sentidos, e un tempo de descrédito no eido da política co deterioro da institución onde mal goberna o alcalde co silencio dos que o manteñen no cargo. A sensación que percibimos os cidadáns é que no Concello, os que mandan soamente pensan e traballan para o seu, e que a cuestión pública só queda pra lanzar ó vento novas sen base que non son máis ca fogos de artificio. En Ourense chegamos á contradición de que o que antes pedía dimisións e denunciaba a todos diante a Xustiza, agora está a rirse de todos os ourensáns facendo o contrario do que prometeu no seu día, pois só está no poder co obxectivo de manterse a toda costa en aras, din as malas linguas, de facer caixa.

Só queda que os cidadáns tomen a palabra e amosen o seu malestar na rúa pedindo dignidade e ética na política, reclamando o bo funcionamentos dos servizos, esixindo un axeitado mantemento e reparación dos parques e xardíns, reclamado que a cultura teña o seu espazo dentro da política municipal, pedindo que os proxectos que se fagan sexan motivo de amplos consensos e non sirvan pra dilapidar os cartos públicos en obras innecesarias con custes moi elevados no seu mantemento. Obras soamente pensadas pra satisfacer o capricho deste alcalde. Ourense non pode seguir nesta situación de demolición controlada coa aquiescencia dos “populares”. Ourense precisa dignidade na política e autoridades que sexan escoitadas en institucións superiores para acadar proxectos que melloren a vida dos ourensáns.

Te puede interesar