Opinión

Tempos de mudanza

Aínda que non son máis que pequenos xestos e algúns polémicos, pois non respectan as leis vixentes, percíbense tempos de mudanza. As persoas que conformamos  á sociedade e sobre todo,  as novas xeracións, piden voz e  queren facerse valer no eido da política o que implica que, algunhas das vellas costumes do que se entendía como tradicións enraizadas nos anos, pasarán axiña  a engrosar o baúl das lembranzas, e serán un recordo que quedará para a historia.


A vixente constitución fala da separación entre a Igrexa e o Estado, pero o feito e que, por virmos dunha ditadura onde relixión é política vivían collidos da man, e  despois dunha transición que se fixo tentando non mancar a ninguén dos implicados na ditadura,  o deslinde entre estes dous poderes  ate agora foi  inexistente. 


Por iso resulta duro, para algún sector social,  que un alcalde non asista representando á un concello a  actos relixiosos que se repiten ano tras ano. Pero, a realidade é que, esta nova xeira de rexedores, ben disposta a deixar atrás costumes onde poder civil e relixioso estaban presentes. Esta actitude  pretende que política e relixión sigan camiños distintos, aínda que non enfrontados. Algo semellante acontece no eido da política galega,  pois por primeira vez,  os grupos nacionalistas escenifican,  un encontro que foi negado en moitos anos.

A  vontade de celebrar o día nacional desta terra xuntos, deixándolle a convocatoria a cidadáns para que esta data sexa de todos, abre vieiros para  acordos polo interese do pais.  Posiblemente este  sexa o primeiro paso e o  preludio doutros entendementos  de maior calado. Cuestión moi interesante, cando se aveciñan unha eleccións xerais que poden traer modificacións na carta magna que afecten ó Estatuto e consecuentemente  ó status que a día de hoxe ten a  nosa terra dentro da constitución.


Tempos de mudanza parece que chaman á porta. E fano para acomodar a realidade social ó  pensamento dunha sociedade que quere vivir en paz pero sen ataduras históricas; unha sociedade que camiña anos por diante das institucións políticas e relixiosas. Os tabús van caendo como as follas mortas  no outono, para que agromen outras novas que traian rexeneración no eido social, na ética e na  política.

Pois a  sociedade actual é moi diferente á da xeración que fixo a transición do franquismo á democracia. E por iso son necesarios axustes que permitan que a xente se recoñeza na política e nos seus representantes. En fin, vivimos tempos que parecen incertos pois auguran cámbeos e axustes en todos os campos   que atinxen a nosa vida. Esperemos que sexan para ben do conxunto dos galegos.

Te puede interesar