Opinión

Un triunfo da antipolítica

Contra todo pronóstico na cidade das Burgas, Jácome foi a forza máis votada. Os ourensáns, cegos por ver tantas beirarrúas levantadas polo centro da urbe e unhas escaleiras mecánicas funcionando, xunto co reparto de cen euros por persoa para incentivar o consumo, déronlle os votos a un alcalde que dixo e reiterou que pactaría co demo para acadar melloras para Ourense. 

Os resultados amosan que, de non acadar un acordo os tres partidos -PP, PSOE e BNG-, cuestión complexa e difícil, os monicreques no salón de plenos están garantidos catro anos máis, e o condutor do coche amarelo sen lavar seguirá gobernando ou, se o prefiren, desgobernando a terceira cidade de Galicia. Claro que xa veremos como queda o das denuncias diante a Fiscalía. Pode acontecer que o sr. Jácome visite con frecuencia a sé xudicial para aclarar as súas chapuzas e presuntos delitos. O que, no caso de que estea na cadeira do Concello, poida ser o motivo dunha moción de censura. Esperemos un tempo e falaremos. O certo é que nesta cidade triunfou a antipolítica e o todo vale con tal de acadar obxectivos persoais, pois os colectivos sempre quedarán relegados a un segundo plano.

O máis triste é que o populismo máis zafio e chocalleiro asentouse nesta cidade outro mandato. E segundo parece, a política dos agasallos ou vales de compra tiveron moito éxito. Nesta Auria, o paralelismo con eses países onda uns días antes das eleccións danlle ós votantes bolsas de comida e pequenos chuches funcionou. 

Outra conclusión é que nestas eleccións, as segundas voltas dos candidatos que xa foron alcaldes non foron un acerto. Por un lado, as liortas no PSOE pasaron factura, e polo outro, o sr. Cabezas trouxo, para moitos electores, un arrecendo a un pasado con escuras sombras de troco de planos naquel PXOM. E claro, o asunto non funcionou. No canto do BNG, que medrou dous escanos, sempre queda a desconfianza se o fai a costa dos socialistas e non abranguendo electores distintos ós habituais, polo que o triunfo de Seara, a pesares de ser un bo resultado, rezuma un vento agridoce e coloca ó grupo nunha situación de ser quen decide se hai pacto ou non para sacar a Jácome da alcaldía. Moi difícil será un acordo a tres. Aínda que en política, ás veces, hai que escoller entre a situación mala e a menos mala. Hai que facer de tripas corazón e dar un paso adiante. Nesta Auria parece que teremos catro anos convulsos e de novo perdidos. En primeiro lugar, porque o deterioro da institución municipal vai acadar metas nunca vistas. E no segundo, porque non hai criterio nin proxecto de cidade. Si, hai moitas promesas: unha piscina en cada barrio, 18 escaleiras mecánicas e milleiros de anuncios imposibles de facer realidade. Mais do preciso, como pode ser o PXOM, para dar seguridade xurídica; o funcionamento das prazas de abastos, e a renovacións dos servizos hoxe en precario, servizos que nos custan un ril do presuposto municipal, ou das demandas do perímetro rural, nada de nada.

En fin, en Ourense triunfou a antipolítica. Jácome está cheo de ledicia. Noraboa rapaz. Mais con todo, gañou o populismo, as ocorrencias para manterse no poder a toda costa e a improvisación. E de seguir por este camiño imos cara atrás, aínda que milleiros de ourensáns non se decaten do que está a acontecer. A sensación de que moitos viven noutro planeta e non se decatan do que realmente acontece no noso Concello é evidente. 

Te puede interesar