Opinión

Unanimidade plenaria

Resulta curioso que durante catro anos con Jácome cunha exigua minoría, no Concello das Burgas nunca houbo un acordo no que todos os grupos estiveran e votaran unanimemente. Mais por unha vez soou a frauta e todos dixeron “estamos de acordo”. Claro, falábase de cartos e remuneracións. 

 Mais a realidade dos grandes problemas desta cidade segue a esperar. Non hai proxecto de goberno. Así, nada se sabe do que vai acontecer coa Praza de Abastos numero un; tampouco co PXOM, nin do que pasará no Posío, que esta feito unha merda. Tampouco das concesións en precario que nos custan un ollo da cara. Nin do vello cárcere e un longo etc. Nesta urbe a xente vive tranquila e nada reclama. E se algún colectivo, por casualidade, ergue a voz, nin caso. Eu non sei se a maioría dos ourensáns sabe que os grandes asuntos, mentres non saen a luz pública e se reclaman con insistencia, nunca chegan á mesa onde se lles busca solución e se arranxan. Ás veces penso en que a sociedade ourensá esta anestesiada ou ten unha patoloxía que a leva a vivir anonadada. 

Ourense, despois das municipais, vive un compás de espera nun verán no que estamos chamados a votar o 23 de xullo. E, ó marxe dos resultados que salgan das urnas, os problemas locais van seguir estando en espera de solucións. 

Mais dende a alcaldía, segundo di o rexedor, seguiremos sendo a cidade “top” no eido cultural. Si, a cidade que xunta máis xentes arredor dun palco onde os corpos das féminas e dos homes se moven ó ritmo de bachata. Todo un éxito. Estamos todos ledos pois esas orquestras do decibelio que abouxa animan a unha mocidade a menearse como masa uniforme e maleable, e con eso xa todos contentos e na alcaldía felices. O demais... que o parta un raio. Eso da cultura son reivindicacións duns cantos inconformistas e culturetas que sempre están dado a murga. 

Ó que iba. O asunto é que no primeiro pleno do novo mandato todos estiveron de acordo. E sabedes para que? Pois para subir o soldo que cobra o noso alcalde. Poderoso cabaleiro don Diñeiro, o que ós cegos fai ver, ós xordos ouvir e ós coxos camiñar. E tamén as forzas políticas acordar. 

Mais algo vai acontecendo. Primeiro chegaron algúns autobuses. Son un chisco máis pequenos e máis incómodos para os usuarios cós vellos que aínda circulan pola cidade. Ademais son de gasoil e supoño que contaminarán un chisco menos cós que levan máis de quince anos circulando. Tamén cortaron as palmeiras secas do Posío, gran obra. E polo demais... pouco ou nada que contar. Si, esquecíame de dicir que os centros cívicos non teñen actividades, pois seica non hai cartos para pagarlle ós monitores. E que para buscar actos culturais hai que ir ás vilas da provincia. 

Con todo, en Ourense, aburridos de que nada positivo aconteza, esperamos que Luis Menor, presidente provincial, lle dea un aire novo a esta institución. Eu teño un bo concepto desta persoa. Sei que Luis é humilde é moi traballador. A ver se eso implica un cambio de talante e o demostra con feitos, que boa falla fai.

Te puede interesar