Opinión

Unidade por Galicia

Veñen tempos de mudanza constitucional e, na política galega, a día de hoxe, caben dúas posturas. A primeira, que foi a que prevaleceu ate os nosos días, a da utopía, que ven sendo pedir o imposible, sabendo que non hai forza nin representación para acadalo. E a segunda, a realista e posibilista, que significa aproveitar todos os resortes que nos dá a autonomía para ampliar e mellorar o futuro desta terra. Esta última estivo moi esquecida no mundo nacionalista galego, pois sempre tivo preponderancia a liña idealista que vive soñando con imposibles e idílicas reformas e incluso revolucións, deixando de lado a postura de empregar a política para ir consolidando e ampliando a nosa autonomía.

Pois ben, dando por bo que na vindeira lexislatura haberá un recoñecemento especial para Euskadi e Cataluña e que este quedará reflectido na Carta Magna, Galicia por estar no paquete das nacionalidades históricas, corre o risco de perder o status que ten na actualidade e pasar a engordar o grupo das rexións cunha raquítica descentralización administrativa. Pode pasar de ter, a ceder competencias ó Estado central, pois hai correntes políticas que así o reivindican. As razóns son moitas, pero a falla dunha representación política propia e forte no Congreso é a máis importante. E a que se debe isto? Todo indica que é por causa da distancia existente entre as teorías nacionalistas e os problemas dos cidadáns, que non asimilan que autogoberno implica avance e conquistas sociais para vivir mellor. 

Pero chegou a hora da verdade. Chegou a hora de antepor os intereses xerais de país por diante de liortas ideolóxicas e de partido. Chegou o momento da xenerosidade e das alianzas de todos os de dentro cos de fora que nos respecten e entendan. E para iso revisemos a historia. Ela daranos claves para entender o presente. Por iso a pregunta salta axiña: teríamos, si non fora polas alianzas dos galeguistas nos anos trinta do século pasado cos partidos estatais, o Estatuto actual e estariamos dentro do paquete das nacionalidades históricas? A resposta é contundente: non. Entón a que esperan os nosos dirixentes para xuntarse e falar e facer un programa posibilista de mínimos que nos permita ter un grupo forte no Congreso de Madrid e defender os intereses xerais de Galicia? Que razón nos obriga a andar con tantos miramentos para chegar a uns acordos nos que todos os nacionalistas, galeguistas e progresistas camiñemos ofertando unha alternativa ós grandes partidos estatais?

A unidade por Galicia é agora unha necesidade imperiosa, dado que os que gobernan en San Caetano non teñen fe nas potencialidades desta terra e no aspiran a mellorar o seu autogoberno. Razón pola que non están dispostos a plantexar en Madrid posturas reivindicativas. Esperemos que os dirixentes do nacionalismo galego baixen da utopía para poñer os pes na terra e, desta maneira, deseñar unha política que lle faga fronte as forzas recentralizadoras e homoxenizadoras do Estado. Esa será a única maneira para seguir ampliando e disfrutando dun proceso autonómico que, con todos os defectos que se lle queiran poñer, modernizou unha terra marxinada no franquismo e púxoa no mapa do Estado e do mundo. 

Te puede interesar