Opinión

Vandalismo, botellóns e deleixo

Na terra das liberdades, a ausencia de civismo en determinados sectores da poboación cada día é máis evidente. O concepto de respecto polo mobiliario público e incluso polos bens particulares -refírome as fachadas, portas das vivendas e outros locais- pasa por un mal momento. Os fantasmas dos garabatos e pintadas viven o seu momento de gloria. Calquera porta ou edificio público está en perigo dado que estas persoas pensan que son uns artistas co rotulador ou o esprai e sempre andan a facer das súas. O malo que hai é que algúns queren facernos tragar o sapo de que eso é arte urbano. A este mal que xa ven de lonxe hai que sumarlle o de desfacer sinais, arrincar papeleiras e tiralas ó río, como no caso dos paseos do Barbaña ou río dos Muíños; chimpar luminarias públicas e estragar bancos de madeira ou de pedra. Todo elo é un bo exemplo de incivismo que pulula polas nosas cidades e vilas. A última cafrada, arrincar a baranda do palco da música da Alameda. Xa sei que os que o fixeron non lles importa que ise palco sexa unha obra de Vázquez Gulías, ilustre arquitecto. Quizais o ignoren.

Por outra parte, está o problema dos botellóns. Agora, pra demostrar que xa actúas como un home ou muller feito e dereito, tes que coller unha mona e logo aturar unha boa resaca. Eso seica é a liberdade pola que se pretende xustificar esta absurda moda. Pena de xuventude que anda nesas leas. Pena de mozos e de rapazas que pra divertirse e socializar teñen que beber ate chegar a perder o tino poñendo en risco a súa saúde.

Pero esta é a sociedade na que vivimos; sociedade onde moitos valores positivos pasaron ó esquecemento. Transmitir valores obriga a que non todo pode quedar en mans da escola e do instituto. No tema educativo, o labor da familia pesa moito. E se eso falla mal imos. Hoxe, moita xuventude síntese moi libre participando deses macro-botellóns ou macro-festas e esquece que onde tiña que participar con máis forza era na vida pública pra acadar melloras na súa precaria e incerta vida laboral; melloras na vida da comunidade e así arranxar os graves atrancos que teñen pra acceder a súa independencia.

Vivimos na sociedade onde soamente se alenta o individualismo. Onde o colectivo e o público, como é de todos, non se valora e, polo tanto, tírase e desfaise. Vivimos un tempo no que moitos valores como o respecto, o coidado do que é comunitario está á baixa. E diante esta situación precísase que os entes públicos den pasos claros. O acontecido nestes días nas grandes cidades como Barcelona e Madrid ten que rematar. É unha mostra dunha sociedade que sofre unha patoloxía que parece non ter cura. Polo que precísase unha campaña educativa que abranga colexios, institutos, universidade, así como outros entes, e que poña en valor os servizos, material urbano e edificios que forman a comunidade. Precísase frear estas condutas antisociais que tanto dano fan e que estragan a vida da comunidade. Ben sei que esta é unha labor constante que tardará tempo en dar froitos. Mais o problema témolo ben á vista.

En fin, no tempo das liberdades e onde case todo vale, ter que sufrir o vandalismo e aturar os botellóns é unha barbaridade que nos afea como sociedade. E neste asunto as familias, a escola, os concellos e tamén as demais administracións públicas teñen que abandonar o desleixo co que se trata este problema.

Te puede interesar