Opinión

Vivindo na anormalidade

Lembro parte do pasado ourensán cando a ética pesaba máis ca legalidade e non había que forzar as dimisións da xente electa que actuaba na cousa pública. O acontecido no pleno último do Concello, onde, con máis de nove horas de debate, nada importante se fixo para mellorar a vida dos cidadáns, axuda a afianzarme na idea de que nesta Auria esquecida por Feijóo e outros a anormalidade está a ser algo normal no día a día dos ourensáns.

Supoño que moitos lembrarán cando concelleiros electos presentaron a dimisión soamente por seren levados diante a Xustiza por quen hoxe se senta na cadeira da alcaldía. Tempo despois todos foron absoltos. Pero a súa ética non esperou nin se escudou na legalidade para dimitir e non quixeron aferrarse a seguir no poder como hoxe acontece. Por iso, o que pasa tanto na provincia como na cidade lévame a pensar que estamos afacéndonos a normalizar nas nosa vidas a anormalidade institucional. Por unha banda, unha rapaza nova lanza como argumento político, para xustificar os seus vaivéns de siglas e achegarse ó poder, que ela ven traballar pola provincia, e faino axudando a que a anormalidade se asente reforzando esa maioría absoluta nunha terra que morre día a día, mentres nesa institución repártense postos de traballo para, dalgunha maneira, amarrar unha estrutura caciquil que impide o progreso desta provincia do interior galaico .

Pola outra banda, no Concello a legalidade supera e afoga á ética política, e se quen hoxe rexe o pleno foi o atranco para que no anterior mandato non houbera presupostos, mentres laiaba e esixía a dimisión do anterior alcalde, agora co voto desa persoa denigrada públicamente, malgoberna esta cidade. 

E nesas estamos. Polo que pregunto: canto vai durar o esperpento de que 24 concelleiros de 27 pidan a dimisión do alcalde, e non exista a dignidade de deixar o cargo? Por que non hai moción de censura? Que baixo caemos en Ourense. E que dicir do silencio cómplice dese grupo que o levou ó poder.

Que lonxe queda o tempo no que o ex alcalde Jorge Bermello presentou a dimisión por non ter os votos para aprobar uns presupostos. Ise señor actuou pondo por diante a ética e non se parapetou na legalidade como estes vividores do erario que en nada lles importa a situación do Concello nin da xente que o habita. 

Vivimos nun tempo no que os erros dos que cren nos predicadores baratos, pagámolos todos, no que se queres que tapen un buraco na túa rúa non tes a quen dirixirte. Que disparate de goberno e de asesores. Vivimos en Ourense nun tempo no que o desprestixio da vida do Concello é tan evidente que a moitos xa lles dá vergoña de dicir que son desta cidade. Por iso, cando a ética desaparece, e un soamente se ampara na legalidade para seguir montado no machiño, todos perdemos moito. Polo tanto, preparémonos para perder outro mandato de catro anos, e xa van oito, pois seguiremos vivindo na anormalidade política e Ourense no seu conxunto será o faime rir desta terra que se chama Galiza.

Te puede interesar