Opinión

Volve a primavera

Non sei se é que porque a primavera o sangue altera ou por outra razón. O certo é que o panorama político a nivel de Estado anda revolto e cada día que pasa deixa unha nova sorpresa. Desta maneira moitos dos que que denantes eran de centro agora queren arrimarse ó sol que máis quenta e buscan refuxio noutras siglas afirmando que o fan polo ben dos cidadáns. 

A dereitona non sabe nin pode vivir sen poder. Mellor: non pode camiñar sen ter o mando nin sen sentirse dona desa España á que tanto di protexer e querer. Por iso, a señora Ayuso, nun alarde de soberbia di que España lle debe unha, pois sacou do goberno do Estado ó comunista Iglesias.

A verdade é que a moción de censura de Cidadáns, tentando dar un xiro radical a súa política de alianzas, acelerou un feito que, dende a transición, nunca se vira nesta península. A chamada dun partido a militantes e afiliados pra que deixen unha sigla ofertándolle cargos tamén é un feito insólito e moi pouco usual. É unha opa hostil en toda regla.

O xuízo de Bárcenas polos sobresoldos e demais historias do PP quedou completamente esquecido diante avalancha de novas que se derivaron da moción e a convocatoria de eleccións en Madrid.

A pretensión desesperada de engulir a Cidadáns e gobernar a capital do reino con maioría absoluta é unha operación dos populares moi arriscada. Deixa entrever que a xeración destes novos políticos carece de principios éticos e vai a saco pra acadar o obxectivo de formar un bloque con Vox e, segundo din, liberarnos dos socialistas e comunistas e demais raleas que tanto dano lles fan.

A sensación maquiavélica que se percibe diante tal operación é evidente, pois pra acadar o poder vale case de todo. Vale mercar vontades, ofertar prebendas, asegurar postos, etc. E esa forma de actuar axuda a radicalizar a sociedade, axuda a quitarlle creto a acción política e impide chegar a acordos nos grandes temas de Estado. A linguaxe empregada pola Ayuso na que afirma que ela é a defensora da liberdade e que pretende liberarnos dos comunistas, é unha maneira de enmascarar e desviar a atención das políticas que privatizan os servizos públicos fundamentais dunha sociedade e de agochar moitas inxustizas e corruptelas. O populismo chocalleiro que se enmascara na verba liberdade, no fondo tenta despistar o debate e enganar á xente con frases que non din nada.

Non sei se a operación lles sairá ben. Pois pode que diante o camiño radical que anuncia apareza unha reacción contraria. Xa o veremos. A viaxe cara o centro dos populares parece que quedou estancada, pois se queren chegar ó poder terán que aliarse cos de Abascal e iso lévaos cara a España en branco e negro. Igualmente o salto de Iglesias a política autonómica comenza a indicar o fracaso e retirada deste peculiar persoeiro.

En fin, esta primavera parece que chega pra alterar aínda máis do que xa estaba a vida política neste país. Chega coa máxima de que todo vale para acadar o poder. E xa se sabe, un país que se radicaliza e esquece e ignora o seu pasado, volve esnafrarse conta esa pedra que tanto dano fixo noutros tempos.

Te puede interesar