Opinión

De xeonllos e pedindo perdón

Sempre escoitei que cando a Xustiza ocupa a parte que lle corresponde á política, é un indicativo de que os políticos que nos gobernan son moi torpes ou actúan dende posturas estritamente cerriles e ideolóxicas. A Xustiza nas sociedades democráticas está nun plano moi diferente o dá política. E, aínda que poida parecer o contrario, nunca arranxou os problemas que teñen un trasfondo político. As decisións e as leis nacen na política, e a Xustiza é a que ten que aplicar esas leis e, no seu caso, aclarar cuestións referidas á interpretación das mesmas. O demais non lle corresponde.

Nestes días, debido ó caso dos indultos ós políticos cataláns, moitos percibimos que o problema que se iniciou co recorte do Estatuto catalán aprobado en referéndum no ano 2006 e a recollida de sinaturas contra el que o PP levou ó Constitucional, non fixo máis que quentar o forno dos desencontros axudado pola loita contra o idioma catalán enzurrado pola dereita estatal. Estes erros fixeron medrar ó independentismo que era moi minoritario en Cataluña, pra situarse como unha forza capaz de igualar en votos ós partidos estatais e que deixou á dereita nunha exigua minoría nesa comunidade.

Fronte a esa situación, os partidos desa dereita, debido á pouca sensibilidade política, foron incapaces de buscar puntos de encontro e de facer propostas que correxiran ós erros cometidos e que fosen atractivas pra unha importante parte sociedade catalá. E chegamos ás leis de desconexión e ó simulacro de declaración de independencia. Simulacro que non pasou de ser un fogo de artificio. Logo chegou a Xustiza e actuou cun rigor extremo. E os principais dirixentes na cadea dende hai varios anos condenados a penas que no resto de Europa son inasumibles. Mais o tempo pasa e a pregunta é a seguinte: con todo o que choveu, decaeu en apoio o independentismo? Polo que vemos non. Pois ben, agora que un Goberno quere tender pontes e falar de diálogo para presentar propostas que desarmen ó secesionismo, a dereita furibunda e tamén dirixentes do PSOE saltan opóndose a unha medida parcial de gracia que abra portas e tenda pontes para ter un dialogo que non fale de independencia. Non se trata de quitar da cadea a uns poucos dirixentes, senon de congratularse con millóns de cataláns que ven a España como unha sociedade que non os entende.

Craso erro cando se pretende que os indultados pidan perdón de xeonllos. Craso erro, renunciar a abrir canles para entender unha España plural e moi diversa. Política e de altura é o que se precisa. Propostas de achegamento e comprensión entre uns e outros. Buscar o que nos pode levar a rebaixar tensións. Acaso o xeneral golpista Armada ou Tejero non foron indultados sen pediren perdón? A dereita española ten tics que a levan a asemellarse á Inquisición de triste recordo. Diante o tribunal do Santo Oficio había que confesar e pedir perdón para logo ser queimado na fogueira.

A campaña iniciada polos populares e os demais que os secundan anuncia un tempo no que se renuncia á facer política de Estado, e prefírese que un tribunal prorrogado goberne no canto de quen ten que gobernar. En fin, as dúas Españas, ou o centralismo uniformador quere mandar á fogueira e que cantemos todos unha rancia cantiga que a día de hoxe desafina. Os tempos mudan e hoxe é tempo de buscar acordos. Mais hai quen soamente busca chegar ao poder a costa do que sexa. De pena.

Te puede interesar