Opinión

Xunqueira: un oasis musical

Opinión

Xunqueira: un oasis musical

Como esta maldita pandemia coarta a nosa vida cotián e obríganos a andar medio enmascarados, inpedindo os apretóns de mans e bicos nas meixelas; e como semella que perdurará no tempo, a día de hoxe, atopar espazos culturais onde escoitar boa música e en directo, resulta case imposibel. Ben sei que estamos en terras onde a cultura con maiúsculas ten espazos moi limitados e resulta pouco atractiva para os poderes públicos. Pero, ainda hai algún recuncho que enganchados á historia dun vello pero moi interesante órgano, co traballo e a teimeza de persoas moi concretas, foise erguendo unha tradición musical que é habitual nos mes de agosto nesta zona do rural ourensán. Por eso, cando esta a piques de rematar o estío sempre se cháma ós melómanos para que nos acheguemos á vila de Xunqueira e alí na Colexiata podamos escoitar músicas doutros tempos e lugares.

Pois ben, aínda que iste ano non se celebrou o ciclo de música de Xunqueira, si houbo dos concertos que baixo o nome de Música y Espacios volveron a pór o nome deste fermoso lugar no taboleiro musical desta provincia.

O primeiro foi o domingo trinta de agosto no que Michel Aranda, guitarra, e Elsa Ferrer, violín, interpretaron pezas de dous autores distintos pero dun mesmo tempo. Desta maneira escoitamos a música de Joaquín Malats 1872-1912 e Francisco Tarrega 1852-1909, xunto con sonatas de Mauro Giuliani 1781-1829. Foi iste un concerto moi interesante no que tanto a guitarra como o violín amosaron que fan un boa e sensibel parexa instrumental. Ademais deixaron constancia de que á musica cando é sinxela chega ós ointes con moita claridade, pois os dous instrumentos e os executantes teñen a posibilidade e expresar individualmente e xuntos as súas potencialidades.

O segundo concerto foi un paseo pola musica de Arcanxelo Corelli 1653-1713, compositor italiano. E estivo protagonizado Elsa Ferrer, Silvia Mondino, violíns e Canco López órgano. Foi iste un concerto onde as harmonías tiveron unha importancia vital pois marcaron o devir e a tónica de case todo o concerto. Como colofón foron dous concertos que, por un tempo fixeron que disfrutáramos da musica e nos esqueceramos dos pesadelos que nos abafan actualmente. Noraboa para os compoñentes de Ar Combinatoria polo traballo divulgativo musical que levan realizando dende hai moitos anos.

En fin, música ó natural sen aditivos nen colorantes; música en vivo sen artificios electrónicos, tan de moda na actualidade. En resumo: música de calidade para un público que, ano tras ano, vai a Xunqueira de Ambía, a ise oasis musical, ansioso de, no medio do silencio e da tranquilidade que se atopa na Colexiata, escoitar esas composicións musicais que pouco se prodigan nos tempos de hoxe.