Opinión

1º de maio: lembranza 
e reivindicación

A celebración do Día Internacional da Clase Traballadora sempre tivo un carácter reivindicativo, xa que lembra os graves sucesos de 1886 nos Estados Unidos, mais serve tamén pra destacar os obxectivos. Hai 130 anos o movemento obreiro reclamaba que se cumprise a xornada de oito horas promulgada polo governo de Andrew Johnson, despois dunha gran presión sindical. Dado que os empresarios eran contrarios á medida, a Federación de Organizacións de Sindicatos de Traballo e Comercio convocaron unha folga o día 1 de maio, pra que se fixese efectiva. Ese día pararon 190.000 operarios nos Estados Unidos, mentres uns 150.000 conseguían a rebaixa da xornada só coa ameaza da folga.

A contestación das autoridades e da policía contra os que pararon e se mobilizaron foi brutal. En Milwaukee e Chicago houbo feridos e mortos. En Chicago ateigaron as rúas oitenta mil manifestantes. O día tráxico foi o 4 de maio, cando a policía cargaba contra unha concentración autorizada, despois de que alguén guindase unha bomba que deixaba un policía morto e varios feridos (as investigacións posteriores, aínda que nunca puideron comprobar quen foi o autor, apuntan a provocadores da policía). A resposta non se fixo agardar: disparos indiscriminados e a detención de ducias de dirixentes sindicais, entre eles os oito “mártires de Chicago”, que serían condenados sen probas a altas penas de prisión e cinco deles á forca. O 11 de novembro de 1887 foron aforcados Parsons, Spies, Engel e Fischer. Medio millón de persoas acompañáronos no seu funeral. Lingg aparecería morto na cela, e os outros tres pasarían a vida en cadea perpetua.

A represión faría perder en meses as conquistas duramente conseguidas. Porén significou un antes e un despois, tanto polo que representou avanzar na xornada de 8 horas, como polo grao de solidariedade internacional acadado contra a represión e as sentencias. En xullo de 1889, o Primeiro Congreso da 2ª Internacional acordou celebrar o Primeiro de Maio como xornada de loita do proletariado de todo o mundo, e adoptaba a seguinte declaración histórica:“Debese organizar unha gran manifestación internacional nunha mesma data, de tal xeito que os traballadores de cada un dos países e de cada unha das cidades esixan a un tempo das autoridades públicas limitar a xornada laboral a oito horas e cumprir as demais resolucións deste Congreso Internacional en París”.

Neste intre como daquela, a clase traballadora está nunha correlación de forzas negativa. Esta non é unha excepción, deuse noutros momentos, como durante a introdución da maquina de vapor e do libre cambio (Ricardo foi paladín destas políticas na Gran Bretaña). Na actualidade os retos son a revolución informacional, a finaciarización da economía, a deslocalización, a man de obra universal (a inmigración forzada), os tratados de libre comercio. A precarización e desregulación das relacións laborais, a redución dos salarios e o aumento dos ritmos e da xornada, teñen unha ligazón directa co anterior. Pra empresarios e governantes que acreditan no sistema, o modelo xa non é Suecia, senón China, e dentro de pouco a India. Esta é a tendencia dominante nos Estados Unidos e na Unión Europea. Mais é un guión ateigado de contradicións: coas clases populares, entre países, entre potencias, entre sectores do capital, e que vai deixando á marxe sectores cada vez máis grandes da povoación.

Dende esta realidade hai que construír organización, folla de ruta, política de alianzas, e obxectivos a medio e longo prazo pra o movemento obreiro e as clases populares capaz de lle disputar poder ao bloque dominante. Non é doado, porén eran moitos maiores as dificultades hai 130 anos. En calquera caso, o éxito non é só cuestión de forza e número, senón fundamentalmente de ter o proxecto axeitado.

Te puede interesar