Opinión

10- M, a conmemoración e protesta

Aínda que durante o último ano os conflitos laborais foron cotiás, (e non podía ser doutro xeito tendo en consideración o peche de empresas, o recorte de salarios e condicións laborais), foron a menos as mobilizacións xerais contra as medidas regresivas e actitudes cómplices do Governo e a Xunta. Agora, semella que está situación vai mudar, xa que están convocadas manifestacións pra o 10 de marzo e o vindeiro 18 de abril. Neste último caso contra o TTIP, o tratado de libre comercio que se está a negociar en segredo entre a Unión Europea e Estados Unidos, que afectará negativamente as condicións laborais e os servizos públicos. No que respecta ao Día da Clase Obreira Galega, a CIG convoca mobilizacións en todas as cidades do país, baixo o lema: “Emprego e salarios dignos, contra a pobreza”. CC.OO. pola súa banda realizará unha manifestación no Ferrol.


Sen dúbida o 10 de marzo é unha data de moita significación pra Galiza, xa que os acontecementos que se desenvolveron hai 43 anos na cidade de Ferrol implicaron un salto cualitativo da clase traballadora galega na loita a prol da democracia e dunhas condicións laborais dignas, no marco dunha ditadura que negaba os dereitos máis esenciais. Lembremos que o conflito xurdiu polo desacordo coas disposicións negociadas no convenio interprovincial da Bazán e coa representación sindical que o asinou. Por iso, o día 9 concentráronse os operarios diante do estaleiro esixindo un convenio propio, a readmisión dos despedidos durante as mobilizacións de protesta e o dereito a realizar asembleas. A resposta da empresa foi o peche do estaleiro e o desaloxo dos obreiros utilizando os “grises” (policía armada).
Ao día seguinte, os operarios concentráronse diante da Bazán coa finalidade de conseguir a reapertura. Porén, como as portas estaban pechadas, uns catro mil dirixíronse á entrada da cidade, co obxectivo de sumar á protesta, tanto os obreiros da construción de Caranza como os de Astano, en Fene, que se esperaba fixesen o propio despois de atravesar a ponte das Pías. Mais, á altura das Casas Baratas, sesenta “grises” cortáronlles o paso coa intención de dispersalos. Houbo disparos da policía, os manifestantes guindan pedras e recúan, e máis disparos dos “grises”,... caen mortos Daniel Niebla e Amador Rey, e outros vinte e oito operarios son feridos de bala. A policía sobe aos coches e marcha do lugar, e os manifestantes aproveitan a situación pra axudaren aos compañeiros feridos e trasladalos ao hospital.


Como resposta, as forzas de seguridade ocupan a cidade, despois de recibir reforzos, declarándose o estado de excepción. Ese mesmo día, o cruceiro Canarias preparouse pra “protexer” os estaleiros, e outro buque da Armada estaba disposto a voar a ponte de aceso á cidade. A Bazán ficará pechada por dez días e logo será militarizada. O réxime contestou á protesta do único xeito que sabía e quería facer, cun aumento das medidas represivas, tanto policiais como laborais. Na comarca de Ferrol son detidas 169 persoas, 130 operarios serán sancionados coa perda de emprego, 45 son xulgados por asociación ilícita, e unhas 200 persoas pasaron á clandestinidade. Outros informes aumentan a 160 os despedidos na Bazán e cen máis noutras empresas da bisbarra.
Malia a represión, a solidariedade estendeuse pola comarca, así como ao resto de Galiza. As empresas comezan axiña a parar, e en moitas delas, a folga manterase durante días. A dureza da ditadura contra a clase obreira tampouco esmagou o conflito, como pretendía, senón que a resposta rexurdiu en poucos meses en Vigo, e en toda Galiza posteriormente, con máis forza e organización. Son ensinanzas que hoxe o Governo debería ter en conta, cando aposta pola solución de estreitar dereitos esenciais, como é o caso da Lei de Seguridade Cidadá.

Te puede interesar