Opinión

En 1984 Ourense alumeou o camiño

O14 de febreiro de 1984, hai tres décadas, a INTG convocaba en solitario a primeira folga nacional galega dende o ano 1932, cando se realizou un paro de tres días en toda Galiza e de 23 días na comarca de Ferrol. Fixérase outra folga xeral no ano 1917, convocada pola CNT, que sería reprimida con enorme dureza. No 84, CC.OO. e UGT sostiñan que non era posíbel unha folga de solidariedade coa construción naval, e que nos demais sectores non se sentía coa mesma intensidade o desmantelamento industrial e o medre do desemprego. Dende a INTG (antecedente da CIG) contestábase que un desemprego de 170 mil persoas era insoportábel pra medio millón de asalariados/as, e que atinxía por igual a todos os sectores. Tampouco era certo que no interior do país a clase traballadora fose menos combativa, como se tiña demostrado nos últimos anos. Esta polémica, na que se reflectía a valoración que facía cada central sindical encol do nivel de conciencia da clase obreira, tamén tivo reflexo na propia INTG.

O momento axeitado pra convocatoria da folga xeral sería o 14 de febreiro de 1984, data na que se ía facer unha folga na comarca de Vigo e un paro en Bazán e Astano no Ferrol, convocados unitariamente pola INTG, CC.OO. e UGT en defensa do sector naval. Garantida a mobilización en dous dos tres principais núcleos industriais do noso país, resultaba máis doado alargar a folga ao resto de Galiza, mais non por iso deixaba de ser unha tarefa complexa, máxime cando á oposición de CC.OO. e UGT había que engadir a belixerancia do Governo do PSOE e da patronal.

Pra levar adiante unha tarefa tan dificultosa, a INTG contaba coa participación do resto das forzas do chamado movemento nacional galego (CC.LL., ERGA, BNG, UPG, etc.), así como cunha militancia moi firme e ben organizada e, sobre todo, que tiña o atrevemento necesario (sen aventurerismos). Dende Vigo, co paro practicamente garantido, desprazouse un grupo de sindicalistas a Ourense (entre os que estaba o que eiquí escribe, daquela secretario nacional de acción sindical da INTG) pra apoiar aos compañeiros/as da comarca. E nesta cidade a folga callou, pra sorpresa e desconcerto daqueles que coidaban que a clase traballadora vivía de distinto xeito, segundo sector e o lugar, a falta de alternativas e o medre das desigualdades. La Región afirmaba na súa portada “Primeira folga xeral en Ourense; a INTG cos seus piquetes paralizou a actividade comercial e industrial; o Concello e Deputación suspenderon tamén as súas actividades”. Nesta mesma cidade CC.OO. acusaba a INTG de disfrazar unha folga política.

Noutros puntos de Galiza o paro non foi tan significativo como en Vigo e Ourense, mais tivo moita repercusión. Houbo folga na construción e nalgunhas industrias, centros de ensino e noutras actividades. Por exemplo, na Coruña, o paro na construción foi total e atinxiu ademais empresas do metal como Correa, Costa, Chas e Valiña. Nas vilas, a folga notouse en Allariz, Xinzo, Fene, As Pontes, Viveiro, Vilagarcía, Muros, Carballo, etc.

Pra alén de que daquela, coma hoxe, a patronal e o Governo adxudicaran aos piquetes informativos o éxito das folgas, nunca foi así. Por exemplo, no Couto paráronse obras nas que o número de operarios quintuplicaba os do piquete. Mesmo, previamente, algúns obreiros chamaran pra que se achegase o piquete e ter unha escusa pra parar e evitar a represión patronal. Pra o nacionalismo foi sobre todo un éxito político, xa que se demostrou que unha folga xeral era posíbel con atrevemento e organización, valorando correctamente o estado de ánimo da clase traballadora e escollendo o momento oportuno, e que os galegos e galegas tiñamos conciencia nacional. CC.OO. mudou de postura, o que permitiu convocar conxuntamente coa INTG ese ano outras dúas folgas xerais, o 12 de xullo e 29 de no

Te puede interesar