Opinión

Un 1º de maio pra marcar liña

Un ano máis neste Primeiro de Maio as principais centrais sindicais na Galiza realizaran convocatorias distintas. Ten súa lóxica porque, como tamén acontece co 10 de Marzo, trátase dunha data na que ademais das reivindicacións especificas do momento, marcase a liña estratéxica e a folla de ruta. Resulta evidente que nas últimas décadas abriuse unha fenda entre un sindicalismo que toma a iniciativa na mobilización e na divulgación social pra chegar cunha postura de forza aos convenios, e outro que parte dun derrotismo histórico aceptando o marco global imposto polo capital, o que o fixo moi dependente nas negociacións das posturas da patronal e da política económico-social do/dos partidos no Governo. 

É nos conflitos de base, onde o protagonismo da clase traballadora é mais forte neste momento histórico. Neles a unidade é esencial e posíbel na maioría das empresas e sectores dado que a asemblea é quen decide obxectivos e a estratexia a seguir. Isto axuda a recuperar ingresos e mellorar as condicións laborais, máxime nun contesto tan complexo como o actual, no que boa parte da capacidade adquisitiva dos salarios perdeuse pola “crise”, e porque a inflación é moito máis alta naqueles bens e produtos esenciais. O IPC non atinxe por igual a todas as clases sociais! Polo tanto esta crise é en realidade un axuste no reparto da renda en beneficio do gran capital, véxanse os resultados extraordinarios da banca, enerxéticas, tecnolóxicas, farmacéuticas, etc... 

Segundo un informe da OCDE sobre os salarios nos 38 estados que forman parte deste organismo internacional, a caída do salario real no ano 2022 foi de -8,3% nos Países Baixos, -7,4% en Grecia, -5,3% no Estado español, -4,3% en Alemaña, -2,8% Italia, -2,7% Reino Unido, -2,2% en USA, -0,8% Francia... Hungría foi o único estado da UE cun resultado positivo de +2,5%. Como se pode ver a fotografía de como se repartiron os sacrificios de crise (sistémica+ecolóxica+guerra de Ucraína+enerxía, etc) non deixan en moi bo lugar ao Estado español nen á Unión Europea como modelo a seguir (malia que o Governo central se gabe do medre do PIB e da creación de emprego).

Agora ben, no Estado español durante 2022 houbo diferencias importantes entre as nacionalidades-autonomías. Respecto dos convenios negociados e revisados o aumento conseguido no ano 2022 foi maior nas empresas e sectores de ámbito nacional galego (provincial e autonómico), xa que atinxiu o 4,76% e abrangueu a 528.469 persoas. Mentres que os convenios de ámbito estatal afectaron a 71.810 traballadores/as na Galiza e o aumento medio foi do 3,19%. Ou sexa hai mellores resultados cando a negociación dáse no marco autonómico galego cando se compara co ámbito estatal. Sen dúbida incide o papel combativo que ten a CIG, como a maior central sindical na Galiza, especialmente naquelas empresas e sectores nas que ten maioría. 

Pra alén dos números o certo é que neste primeiro de maio hai un salto cualitativo na mobilización en moitos dos países da UE, que seguramente se reflectirá nas convocatorias de actos e manifestacións desta data histórico-reivindicatica en lembranza dos mártires de Chicago. Destacan as protestas en Francia, no Reino Unido, Alemaña, Italia, Portugal... tanto no sector privado como no público. Este medre da protesta laboral tamén se dá no noso país, en sectores como o metal, construción, empresas químicas, transporte, comercio, etc. así como no sector público, o que sen dúbida dará pulo ás manifestacións convocadas pra conmemorar activamente o Dia Internacional da Clase Traballadora. “Paremos o saqueo! Emprego, salarios e pensións dignas”. Ou sexa, pola soberanía, a democracia, a xustiza social, a solidariedade, a igualdade e respectando a natureza. Viva o 1º de maio!

Te puede interesar