Opinión

A revolución rusa

O pasado 7 de novembro cumpríronse cen anos do maior acontecemento do século XX: a toma do poder polo Partido Bolxevique en Rusia. Un feito que condicionou a realidade política e social interna de todos os países do mundo. A Revolución tiña como unha das prioridades a xustiza social e a paz. Mais o acordo con Alemaña fíxose a costa de duras condicións e da perda de territorio. A posterior guerra civil, coa intervención das grandes potencias, tanto europeas como dos EE.UU. e Xapón, foi un período de sacrificios, que destruíu parte de Rusia. Reduciuse drasticamente a produción agrícola e industrial. Ademais a clase obreira baixou á metade. Petrogrado perdeu un terzo dos habitantes e Moscova o 50%. Precipitou cambios internos económicos e sociais, consolidando a socialización dos medios de produción. Rusia recuperouse rapidamente, e superou o desenvolvemento anterior á revolución. 

A invasión pola Alemaña nazi e aliados na Segunda Guerra Mundial, golpeou de novo moi forte a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (como se denominou Rusia dende 1922). Ademais de afectar as principais zonas industriais e agrícolas da URSS, o conflito tivo un custe de 27 millóns de vidas. Aínda así, a Unión Soviética saíu reforzada como potencia militar, e recuperou aceleradamente a súa economía. E sobre todo, tivo un papel destacado na loita do movemento obreiro internacional e no proceso de liberación das colonias de Asia e África. Lembremos que a cuestión nacional foi un dos eixos centrais da Revolución Rusa. 

Un estudo do Centro de Estudos Sindicais, ligado aos sindicatos de Rusia e dos países da Comunidade de Estados Independentes (CEI), presentado no XIII Congreso da Federación Sindical Mundial (FSM), realizado en Damasco (Siria) no ano 1994, no que participei en representación da CIG, facía a seguinte valoración sobre o socialismo: “A atención sanitaria e os servizos públicos foron gratuítos, instituíuse a xubilación, a seguridade social, e a construción de vivendas pasou a cargo do Estado (...) Realizouse unha verdadeira revolución cultural e reforzouse o carácter multinacional do Estado (...) Convén subliñar que o socialismo é unha teoría creadora e non un conxunto de dogmas e receitas acabadas (...) Durante este período acadamos vitorias e éxitos, porén cometemos tamén graves erros de cálculo e toleramos grandes lagoas que, tanto no plano interior como no internacional, frearon o desenvolvemento do país pola vía do socialismo. Durante este período, a burocracia floreceu en numerosas esferas, orixinando unha degradación política e moral dalgúns dirixentes, cadros e militantes de base (...) Os ingresos da povoación experimentaron aumentos máis rápidos que o medre da produtividade do traballo”. 

En relación coa cuestión nacional, destacaba que nas últimas décadas: “Reforzouse a centralización do poder a expensas dos dereitos das repúblicas e dos órganos locais. Subestimáronse os particularismos das nacionalidades, o que provocou movementos de protesta nas repúblicas e rexións”. Segundo o Centro de Estudos Sindicais coa perestroika (1985-1991) “os dirixentes do Estado negáronse a asumir directamente a xestión da economía do País e esixiron que o Governo radicalizase a reforma económica facendo na práctica deixamento da planificación a nivel das empresas e introducindo aceleradamente os mecanismos de mercado.(...) En 1990, o País rexistrou, por vez primeira, un descenso da produción industrial do 1,1% (...). En 1991 o retroceso atinxiu un 7,8%, aparecendo os primeiros síntomas da crise económica, e a evolución facíase incontrolábel”. 

En decembro de 1991, por iniciativa dos dirixentes de Rusia, Bielorrusia e Ucraína, púñase fin á existencia da Unión Soviética. Xurdia o mundo unipolar e a globalización neoliberal. 

Te puede interesar