Opinión

Abd-el-Krim e a loita de liberación do Rif

Hai seis décadas morreu no Cairo o 7 de febreiro Muhammamad Ibn Abd-el-Krim, que tivo un papel sobranceiro na loita contra a ocupación española do Rif, unha rexión do actual Marrocos povoada por bereberes. Esta guerra causou a morte de moitos de mozos galegos, así como do conxunto do Estado, dando lugar a non poucos motíns contra as quintas e desercións, como xa antes sucedeu coa guerra en Cuba. A resposta foi moi forte, en 1914 as desercións atinxían a un 22,09% dos recrutas. 

O Estado español buscou na expansión en África un substituto ás colonias perdidas en 1898 en América e Asia, na guerra cos Estados Unidos. A presenza militar no norte de África era antiga, así como a portuguesa, lembremos que a Península estivo ocupada, en parte, perante séculos polas invasións de árabes e bereberes. Sen dúbida a relación entre o Estado español e Marrocos no último século está marcada pola derrota naquel intre do exército español por tropas bereberes mal armadas. Un triunfo contra a ocupación, que se consolidou nas batallas en Annual e o Monte Arruit, e que converteron en lenda a Abd-el-Krim. Este era o líder do levantamento, e caid (xuíz) dos Beni Urriaguel desde setembro de 1920, cando morreu seu pai. 

O protectorado español no norte de Marrocos abranguía naquela altura 26.000 quilómetros cadrados e 750.000 habitantes, fora cedido, xunto coa zona de Sidi Ifni, unha década antes, logo dun troque de territorios en África entre Alemaña, Francia e o Reino de España. O Rif forma parte dunha zona montañosa que abrangue desde Melilla no leste até a área de Yebala no oeste, e a inmensa maioría da súa poboación é bereber, e isto implica unha cuestión nacional non resolta e de discriminación pola maioría arabizada. Unha cuestión aínda hoxe pendente en Marrocos, causa de conflitos, e da discriminación do territorio.

O exército español, ao mando de Manuel Fernández Silvestre iniciou en 1920 unha ofensiva coa pretensión de ampliar o territorio realmente ocupado, só uns 5.000 quilómetros cadrados. A campaña estaba favorecida pola precariedade causada pola fame de 1918 e a grave seca que se alargou até 1921. A campaña consistiu en varias operacións pra construír fortíns e dobregar a varias cabilas, como a Beni Ulixek, Beni Said e Tensamán. Silvestre concentrou as súas tropas en Annual, uns 3.000 soldados españois e 2.000 autóctonos. O 22 de xullo Abd-el-Krim ocupou Igueriben. Ese mesmo día diante do avance de tres columnas, de 2.000 bereberes cada unha, os españois deciden recuar aos fortes de Ben Tieb e Dar-Drius. En catro horas morreron uns 2.500 soldados do exército español, aos que hai que sumar outros 1.500 de varios fortíns e posicións da zona. Foron feitos 942 prisioneiros dos que só sobreviviron 326. 

Despois destes trunfos contra o exército español realizouse no Rif un Congreso Popular en outono de 1921. O primeiro acordo foi a proclamación da independencia e a constitución dun governo republicano, presidido por Abd-el-Krim, na súa calidade de dirixente da liberación. A creación dunha Asemblea Nacional integrada por representantes das yemaas, cabilas, ciuj e caídes, que serían a autoridade suprema e acordaron fixar o 15 de Moharram de 1340 (18-09-1921) como día da independencia” (Miguel Martin, El Colonialismo Español en Marruecos, Ruedo Ibérico, 1973). 

En 1926 os bereberes serían derrotados polas tropas de ocupación, por tres motivos: a súa división polo peso da estrutura tradicional, a falta de alimentos, e a incorporación de Francia á loita contra a revolta (despois de que Abd-el-Krim atacase o protectorado francés). Malia a derrota da rebelión, esta amosou que os europeos non eran todopoderosos, con todo o que isto significou pra alentar futuras loitas a prol da liberación das colonias e “protectorados” en África e outros continentes. 

Te puede interesar