Opinión

Alexandre Bóveda e a Galiza Mártir

O 17 de agosto conmemorase o Día da Galiza Mártir, coincidindo co tráxico asasinato na Caeira, concello de Poio, de Alexandre Bóveda Iglesias, secretario xeral do Partido Galeguista (PG). Respecto do fusilamento, despois dun simulacro de xuízo realizado polos alzados que combatían ao governo lexitimo da Segunda República, escribía Castelao: “non enterran cadavres, enterran semente” ao pé nun dos seus debuxos do albume Galicia Mártir. 

Na edición no exilio de A Nosa Terra, en setembro de 1942, destacase con relación á conmemoración: “tamén nesta data Día dos Mártires Galegos veneramos a todos os mártires do pasado, a todo nos que no percorrer dos tempos caeron na defensa do chan patrio ou da súa liberdade”. Na ANT de 1946 faise unha lembranza dos/as moitos que foron asasinados polo “alzamento nacional” e a ditadura franquista, como: Víctor Casas, Anxel Casal, Camilo Díaz, Johán Carballeira, Luis Poza, Johán Suárez Pícallo, Manuel Castelao, Xermán Adrio, Arturo Noguerol, Roberto Blanco Torres, Xaime Quintanilla, etc. 

Recoñéceuse en Bóveda ao organizador e dinamizador do PG, e colaborador fundamental do Seminario de Estudos Galegos no proxecto de Estatuto de Galiza, que se debateu no encontro de ORGA en xuño de 1931 na Coruña; así como anos despois no anteproxecto do Estatuto aprobado o 15 de xullo de 1936. Malia ser católico militante apostou, coa maioría do PG, pola Fronte Popular pra frear o avance do fascismo. Dise que a “xente ben” de Pontevedra, de dereitas, nunca lle perdoou que se puxera do lado dos galeguistas, dos labregos e obreiros. Por iso houbo unha actitude tan desapiadada, queríase dar un exemplo, malia non ter relación con actos de violencia. 

Naceu en Ourense en 1903, cidade na que viviu até que aprobou en Madrid a praza de funcionario de Facenda co número un (en 1924), cando optou pola Delegación de Facenda de Pontevedra, praza que ocupou en 1926. Nesta cidade casa con Amalia Álvarez Gallego. Asistiu á tertulia de Castelao e Losada Diéguez, e participou activamente na fundación do Partido Galeguista en decembro de 1931. Lembremos que o PG tomaría o nome da organización homónima pontevedresa, fundada un ano antes por Alexandre Bóveda, Pedro Basanta e Castelao.

O seu pensamento político latexa nos seguintes escritos: “Un réxime federal de nazonalidades ibéricas en que a democracia se poda manifestar ceibe de todo poder pode ser máis avanzado que unha República case centralizada e burguesa”...“Cando por vez primeira na miña vida, o 12 de abril, fun exercitar o meu dereito a voto e votei pola República non era pra min un fin, senón un medio, como un medio tamén é o Estatuto”. Resulta evidente que as arelas de Bóveda ían pra alén da autonomía. De Bóveda dí Xosé Sesto que era un revolucionario, anque non era un marxista, xa que pretendía unha revolución das estruturas económicas e sociais. Hai ademais outro Bóveda ligado á iniciativa social e á participación, cun papel decisivo na creación da Caixa Provincial de Aforros de Pontevedra, da que foi director, ou formando parte da Coral Polifónica.

A homenaxe a Alexandre Bóveda, no Día da Galiza Mártir, debería servir pra que os galegos e galegas lembremos a débeda histórica que temos cos nosos devanceiros. Cos irmandiños que loitaron contra a opresión nobiliaria, cos que se ergueron en defensa do país en 1846 “pra que nos temeran e respectaran”, cos mariñeiros e obreiros que se amotinaron en Ferrol en 1872 na procura dunha República Federal, cos que fundaron as Irmandades da Fala en 1916, cos miles de labregos que sementaron con sangue a loita contra os foros e as levas forzosas, cos nosos emigrantes que construíron escolas e subvencionaron sindicatos, en fin, con todos/as aqueles que fixeron Patria. 

Te puede interesar