Opinión

Arxentina, cambio de ciclo

Opinión

Arxentina, cambio de ciclo

Na Arxentina as cousas non van como quixera Mauricio Macri, seu presidente neoliberal, malia que a gran burguesía e os medios hexemónicos danlle todo seu apoio, e non o deixan de visitar lideres da dereita do continente, como hai unhas semanas Bolsonaro. Lembremos que mereceu as gabanzas de Albert Rivera, mantén unha conexión estreita con Macron, e fai boas migas con Trump. Todos eles consideran a Venezuela e Cuba o demo, así como a China e Rusia, e calquera outro país que cuestione  a hexemonía occidental. 

Macri aposta por medidas que fortalecen o carácter subalterno dos Estados Unidos, impedindo o desenvolvemento do país. Políticas que deron folgos ao retroceso do PIB no seu mandato, e que polo tanto se perdese emprego e aumentase a desigualdade. O agravamento da situación social xerou un contexto propicio pra unha alianza electoral de varias das correntes do peronismo, o que cuestiona seriamente a súa reelección a final de ano. O economista Julio Gambina sinala nun artigo na súa páxina web que, segundo o Indec, no primeiro trimestre do ano o investimento caeu un -24,5%, a construción nun -9,9%, o consumo privado o -10,5%, o desemprego atinxe o 10,1%, e o PIB baixou un -5,8%. 

Por se non abondase, o corte de luz do 16 de xuño en gran parte da Arxentina e zonas limítrofes de Uruguai e Brasil deu folgos á sensación de desgoverno. O dirixente sindical do sector José Rigane, da central CTA, apunta como causa a un sistema obsoleto por falta de investimento. Dáse a circunstancia de que o sistema eléctrico foi privatizado na década dos 90 do século pasado, e que grupo económico da familia Macri ingresou durante seu mandato nesta actividade. Un período no que se fixeron modificacións nas tarifas, que están por riba da media do mercado europeo.  

Os analistas consideran que o flanco máis débil pra ree-lección de Macri, e da continuidade opción neoliberal que el representa, está na intensidade coa que se manifeste nos vindeiros meses a conflitividade laboral e social. Lembremos que o 30 de abril e o 29 de maio realizáronse senllas folgas xerais. A última foi convocada pola CGT, central que prima a negociación nas relacións con todos os governos, diante da caída en picado do peso fronte ao dólar, e un préstamo do FMI por 56 millóns de dólares que impón condicións de axuste. O dólar estabilizouse grazas a este préstamo, porén o peche de empresas, das exportacións e do PIB, marcan unha tendencia regresiva, nun país que suma novas débedas exteriores, neste caso co FMI (pensemos no que sucedeu en Grecia).

 Agora ben, sendo fundamental a mobilización social, Gambina destaca que: “Non chegará con frear a reelección de Macri, o PRO e Cambiemos, agora ampliado coa inclusión de Miguel Angel Pichetto na formula presidencial, senón que o descontento e a protesta social deberá confrontar con calquera escenario futuro na Arxentina e contrarrestar o forte condicionante dos acordos co FMI”. O economista tamén pon o acento na necesidade de clarificar cales son as apostas de nación, tendo en consideración os límites do capitalismo (nesta etapa senil). 

A partir da iniciativa de Cristina Fernández (CF) de relegar seu protagonismo á vicepresidencia, formouse unha coligazon do peronismo que pode gañar as vindeiras eleccións en outubro. A forza resultante será quen de dar resposta a estes retos económicos e sociais? Durante os seus governos CF mantivo unha política exterior progresista, intentou desenvolver o capitalismo nacional sen éxito, e levou adiante medidas de atención aos sectores máis empobrecidos e marxinados. Porén as bases sistémicas seguiron inmutábeis (explotación, depredación, especulación, etc.), e a violencia  non deveceu, facendo que perdese parte do apoio das clases populares. Repetirase o guión?

Te puede interesar