Opinión

Arxentina: chegará cunha rectificación?

Os resultados das PASO na Arxentina foron un mazazo que non esperaba a esquerda e as forzas progresistas sistémicas, reunidas na Frente de Todos, e cuxo referente é Alberto Fernández que preside este país dende decembro de 2019. As actuais son eleccións de media lexislatura, que poderían modificar ambas cámaras do Parlamento Nacional, así como as provinciais e municipais. Aínda que as PASO só son unha peneira pra excluír ás forzas que non atinxen o 1.5% dos votos, tamén serven como proceso democrático pra designar os candidatos/as dos partidos. Ademais marcan unha tendencia, neste caso favorable á oposición ao Governo. A forza do Presidente perde uns 18 puntos con respecto ás PASO de 2019. O descontente co Executivo tamén se reflicte no ascenso dunha forza á esquerda do FdeT como é o Frente de Izquierdas y Trabajadores (FIT) que acadou un 7,1% dos votos (1.613 mil).

Os resultados fixeron estoupar todas as alarmas na coalizón governante, onde comezaron os debates respecto dos erros e rectificacións necesarias, pra intentar corrixir as intencións de voto pras eleccións do 14 de novembro. Segundo o economista e analista arxentino Eduardo Lucita: “O clima preelectoral non foi o mellor. Non foi só pola pandemia, os medos ao contaxio, incluso o rebrote da variante Delta. A apatía e o desinterese dominaron a escena como reflexo dunha campaña carente de ideas e un serio debate político, isto comprobouse na abstención do 33%, o peor rexistro desde a reincorporación do réxime liberal-democrático”.

Aínda que no plano da loita contra o covid-19 a Arxentina sexa un dos países de América Latina con maiores taxas de vacinación (xunto con Cuba, Chile e Uruguai), as medidas preventivas necesarias agravaron a situación de moitas familias, dado o alto grao de contratos informais, ao que se engade unha inflación que come os ingresos baixos e medios, así como a cuestión da seguridade. En gran medida as dificultades teñen súa orixe na xestión económica do anterior governo do neoliberal de Mauricio Macri que hipotecou o país. Malia estes antecedentes seu partido ascende dez puntos en intención de voto respecto ás primarias de hai dous anos.

Perante a xestión de Fernández o saldo comercial exterior foi positivo en 2020 despois de moitos anos, en 12.530 millóns de dólares, e a participación do traballo no PIB pasou do 46,15% en 2019 ao 48% en 2020, mais a pobreza medrou do 35,5% no 2º semestre de 2019 ao 42% en 2020 (a estrema pobreza do 8% ao 10,5%). Agora ben, nunha conxuntura na que a maior parte dos países están facendo un enorme investimento público pra recuperar a economía e atender a situación social, como consecuencia da pandemia, algo que tamén se fixo na Arxentina no ano 2020, xa que o investimento aumentou nun 52,7% fronte a unha inflación do 36,1%, porén non sucedeu así no ano 2021. Este ano o medre do gasto público foi até agora do 14% mentres que a inflación atinxiu o 46,3%. Ou sexa, houbo un retroceso no investimento que afectou á economía e ás achegas sociais. Esta actitude estaría condicionada por facer boa letra diante do FMI, co que se busca un acordo pra adiar os prazos de pago da débeda, que é unha corda no pescozo do país.

O economista arxentino Julio Gambina coida que os malos resultados da FdeT débense á falta de atrevemento, por exemplo cando se deu marcha atrás á nacionalización da empresa Vicentin, vinculada con accións fraudulentas, e na pouca firmeza nas negociacións co FMI e o Club de Paris... “Castigouse o non cumprimento dun imaxinario de restauración de dereitos perdidos na etapa macrista”. O Governo fará agora os cambios necesarios tanto de cargos como de liña de actuación?... Son retos que teñen importancia pra Arxentina, mais tamén pra consolidar os cambios na América Latina.

Te puede interesar