Opinión

Arxentina e as eivas do sistema

O achegamento ao poder económico que semella está a dar o Governo de Alberto Fernández na República Arxentina, premido polo déficit público, unha inflación que supera o 60% anual, acompañada dunha forte caída do peso respecto do dólar e outra moedas, sen dúbida condicionaran a súa política de alianzas interna e seu papel nas relacións exteriores. Aínda que na reunión de ministros de defensa do continente opúxose xunto con Brasil e México a condenar a Rusia pola guerra na Ucraína, ou sexa, matizaron a postura de Washington, sumado isto á solicitude de ingreso nos BRICS, deixa aberta a expectativa de que en determinados temas manteña unha postura non seguidista Estados Unidos e aliados. Será posíbel esta marxe de manobra neste contexto de confrontación tan aguda entre potencias con este cambio na liña económica? 

A substitución por Sergio Massa da ministra de economía, aos poucos días de asumir o cargo e despois de realizar unha reunión urxente co FMI, segundo varios analistas calma os mercados, como se reflectiu no aumento do peso fronte ao dólar e na subida da Bolsa. O contraditorio é que aumentando o PIB (un 10,2% en 2021, e 6,1% no 1º trim. De 2022), redúcindo o desemprego (un 7%), os salarios non deixan de baixar (pasaron de representar o 42,5% do PIB en 2016 a un 34% en 2021, ou sexa 8,5 puntos menos). Como consecuencia deste retroceso no reparto da riqueza medra a precariedade e a desigualdade social, e a pobreza xa abrangue ao 37,3% da povoación e a estrema a un 10%. 

Polo tanto, hoxe pra vivir dignamente pra un segmento importante da clase traballadora xa non abonda con traballar, e moi especialmente daqueles que carecen de contrato rexistrado. Algo semellante, aínda que menos pronunciado, está a suceder en países do centro do sistema, como é o caso da Unión Europea. Con seguridade esta tendencia crecerá cunha inflación descontrolada, xa que todo amosa que deixaran moi atrás mesmo os aumentos salariais máis altos, conseguidos a través da mobilización e presión sindical. O que deixa en evidencia que o capitalismo está na súa etapa senil, como a caracterizaba Samir Amin, non só polos retos ecolóxicos, demográficos, e de recursos, aos que non dá resposta, senón porque tanto a nivel social como territorial tende a potenciar as desigualdades en todos os contextos. E isto pon en primeiro plano a necesidade de cambios estratéxicos no sistema, así como importancia que ten o suxeito político transformador e as organizacións sociais. 

O economista Julio Gambina nun artigo que titula “El ajuste en tiempos de Massa” valora criticamente o cambio da titularidade e o poder que lle dá o ministro de economía sobre varios ministerios. Afirma que o seu nomeamento é unha concesión aos poderes de sempre, pra os que “non chegaba coa incorporación de Silvina Batakis como ministra, malia que se comprometeu con seguir a ruta do acordo co FMI, e que visitou Washington como último acto da súa xestión. Ratificando as autoridades económicas do governo dos Estados Unidos e do FMI, todas as metas subscritas co Fondo en marzo de 2022 (...) A designación de Sergio Massa foi aceptada con entusiasmo polos principais beneficiarios do modelo produtivo”. Segundo Gambina a novidade real dos últimos tempos está na articulación da mobilización na rúa por parte dos movementos sociais ligados á esquerda de fóra e dentro da coalición governante, proceso do que espera sexa quen de xerar unha alternativa política transformadora. 

Arxentina é unha das pezas fundamentais pra que a América Latina acade unha maior integración e xogue un papel nas decisións planetarias, dándolle máis valor a un mundo multipolar e xusto. Mais pra iso cómpre facer cambios sistémicos e vencer dependencias, por exemplo dos USA e FMI.

Te puede interesar