Opinión

Arxentina, fracaso do cambio moderado

Os resultados das primarias na Arxentina son toda unha sorpresa, mesmo que as enquisas reflectisen que a estrema dereita (“libertaria”) obtería moitos votos, por mor da inflación desbocada, unha inseguridade insoportábel, as altas taxas de traballo precario e en negro,... e como consecuencia que un 40% da povoación vive por debaixo do chanzo da pobreza. É verdade que a situación na que o “Frente de Todos” (peronismo, esquerda moderada) recolleu un país hipotecado por Macri (dereita sistémica), co gasto e as política baixo o control do FMI (as potencias occidentais). Ao que se sumou a pandemia do covid-19, e as consecuencias das sancións pola guerra OTAN-Rusia na Ucraína, e a confrontación económica con China, atrancos que afectan en maior ou menor medida a case que todos os países do mundo. Ao que cómpre engadir a desfeita ecolóxica.

Agora ben, sen negar todos estas eivas, e as dificultades pra superalas, especialmente en países atinxidos por fortes débedas, e unha economía moi dependente, non se pode obviar que eran atrancos que FdT debía contar, e non o fixo, cando menos ao nivel que era necesario. Ou, non foi quen de confrontar unha vez no governo cos fortes intereses que se opoñen a unha reforma profunda das regras de xogo, tanto no comercio internacional, como no reparto interno do PIB?... En realidade dende o golpe de estado contra Péron en 1955, os sucesivos governo fosen militares, radicais, peronistas ou neoliberais de dereita, ou fixeron reformas regresivas respecto dos dereitos sociais, ou cambios menores que non mudaron no esencial as regras de xogo, acentuando a dependencia do exterior da economía arxentina, a desigualdade,... 

Nas ultimas décadas este país, potencialmente tan prometedor, volvería a ser governado polo peronismo, o radicalismo, e logo padecería un novo golpe militar aínda máis represivo, coa escusa da guerrilla de esquerda, e un saldo de 30.000 mortos e desaparecidos, a gran maioría só eran activistas sociais. Logo fin da ditadura militar e novos governos de todo signo, mais a Arxentina seguiu aumentando a súa dependencia exterior, especialmente dos Estados Unidos e en menor medida das potencias europeas. E como consecuencia recuando na cadea de valor, reducindo a súa diversidade produtiva, crecendo a desigualdade. Deixando en evidencia que pra alén das diferencias entre os sucesivos governos ningún deles mudou positivamente a estrutura económica, e o reparto, tanto no ámbito internacional como entre clases sociais. 

E isto repetiuse co governo actual, evidentemente en moita menor medida que coas opcións neoliberais. Pesou moito a débeda exterior que deixou Macri, ao que se suma a inseguridade, e a situación internacional (covid, sancións, guerra, etc.). Mais non é menos certo como dixo o presidente mexicano López Obrador en relación a que a extrema dereita de Milei gañase as primarias, que a responsabilidade era dos grandes medios e que Alberto Fernández non fixese as reformas necesarias. 

En dous meses realizaranse as eleccións na Arxentina e, como se amosou no Estado español na diferencia entre as municipais e as xerais, é tempo abondo tanto: pra confirmar a tendencia hoxe triunfante que propón as privatizacións, a derogación da lei de aborto; ou en positivo, pra poñer en valor o proxecto a prol da maioría social. 

Aínda que non se utilice o exército é un golpe de estado, que deixa en evidencia o afastamento dos partidos da súa base. Ou sexa, non abonda co relato, senón que este se corresponda na práctica coa folla de ruta e os obxectivos a medio e longo prazo. Daquela, a importancia da organización, da participación e protagonismo da maioría,... senón, pode gañar a estrema dereita e o medre da desigualdade, grazas en boa medida ao espectáculo, á arroutada. 

Te puede interesar