Opinión

ARXENTINA, OS LÍMITES DO REFORMISMO

Como consecuencia da devaluación do peso, e que o Governo arxentino admitiu que o país está en crise, abriuse un forte polémica sobre as políticas económicas e sociais do kirchnerismo, un debate que por outra banda estivo latente en todo este período entre a oficialidade e a esquerda marxista. Distintos puntos de vista que se poden alargar a case que todos os países con governos progresistas da América Latina, xa que cuestiona se nesta etapa do capitalismo globalizador e neoliberal, é posíbel a soberanía sobre a produción nacional e unha redistribución do traballo e a riqueza, sen realizar cambios sistémicos.


Analistas próximos ao Governo destacan con razón que esta situación non se debe, como noutros estados (India, Brasil, Turquía, etc.), a que a FED norteamericana aumentase o prezo do diñeiro e diminuíse a emisión, porque a entrada de capitais na Arxentina é moi baixa e ademais o país ten superávit comercial co exterior. Indican que a situación débese á especulación coa moeda por parte dos bancos, algunha petroleira (Shell), e porque os comercializadores de soia, moi concentrados (dez cerealeiras son responsábeis do 96% das exportacións) retiveron parte da produción impedindo o ingreso de 1.400 millóns de dólares. Por outra banda, afirman que medran as importacións de maquinaria pola puxanza da industria. O desequilibrio forzaría a falta de divisas (dólares) e a devaluación do peso, despois de afundir unha parte das reservas.


Mesmo sendo correcta esta radiografía, non fai máis que demostrar que a redistribución fiscal non solucionou as eivas de fondo da economía do país, moi dependente das exportacións. Que non se substituíron importacións ao ritmo necesario, polo que aumenta a dependencia e, sobre todo, que non se foi quen de dar pulo á burguesía autóctona (unha utopía neste contexto?), e hoxe, un 70% da actividade económica está estranxeirizada. Ademais, a débeda pública exterior nunca se dá pagado, de xeito que na ultima década drenou 180.000 millóns de dólares de recursos do Estado. Ou sexa, que non se fixeron os cambios estruturais necesarios para aumentar a produción e potenciar o consumo e, o principal triunfo está nos plans que atenden as situacións marxinais. Unha política solidaria, mais que non ataca as bases que reproducen a dependencia do país e das persoas. Uns datos: 1/3 dos asalariados/as carecen de contrato e prestacións sociais, a canastra básica para unha familia está nos 9.000 pesos e o salario medio en 4.000.


A resposta do Governo é, máis unha vez, saír deste atranco cun parche, procurando a entrada de 10.000 millóns de dólares pra satisfacer a adquisición de dólares e sustentar a moeda no prezo actual. Pode que o consiga, mais sempre estará á mercé do sector financeiro privado (en boa medida estranxeiro) e dos grandes grupos económicos internos. Con este cadro, economistas como Julio Gambina, propoñen a nacionalización do comercio exterior e da banca.


Resulta evidente que os governos de Arxentina, Brasil, Uruguai, etc. coidaron ate hoxe que era factíbel unha reforma do capitalismo, e que poderían reproducir a medio prazo os niveis de vida da chamada 'Europa do benestar'. Un espellismo que, por certo, é parte do pasado en boa medida, e non semella doado que sexa recuperábel pola Unión Europea; primeiro, porque a relación centro periferia é en moitos aspectos distinta, e está en disputa; segundo, porque implica unha mudanza favorábel á clase traballadora na correlación de forzas, e polo tanto, ter un suxeito organizado e poderoso que dispute as rúas e as institucións; terceiro, porque o capitalismo nesta etapa, chegou a uns niveis de centralización e concentración, que non admite exercer a soberanía por parte das nacións periféricas do sistema sen esmagar previamente os alicerces que lle dan sustento.

Te puede interesar