Opinión

Arxentina, Massa pode e debe gañar... con que ataduras?

Os resultados das eleccións na Arxentina representan unha sorpresa se temos en consideración a información que nos chegaba dos medios controlados polo sistema. A lectura que estes facían previamente das primarias (PASO) era que se consolidaba a tendencia en ascenso de Javier Milei de La Libertad Avanza. Ou sexa ultraliberal no económico, quere privatizalo todo, mesmo a mar, e con propostas contra as clases explotadas e marxinadas moi agresivas. Moitos medios presentaban a Milei como un teatreiro, un esaxerado, un produto do desacougo da maioría social cos governos anteriores de centro esquerda e dereita, que seica non confrontaron coa esencia do problema: cambiar o modelo económico e social, rexeitando a dependencia exterior,... deixaban andar. 

Que Sergio Massa, de Unión Por La Patria fose nesta primeira rolda a alternativa máis votada (36,7%) é unha boa noticia, xa que representa unha opción progresista, porén non se pode obviar que hai unha segunda rolda de votacións (o 19 de novembro) na que se disputará o voto, esencialmente do centro dereita de Juntos Por El Cambio (23,8%), e doutras opcións, algunhas de esquerda como o Frente de Izquierda y de los Trabajadores (2,7%). 

A cuestión está en: canto do voto de JxC vai atraer Massa e canto Milei? Todo indica que Milei, La Libertad Avanza, cun 30% dos votos, causa arrepío nun sector de simpatizantes de JxC, unha fronte que xa perdeu votos respecto das primarias, e todo amosa que por unha maior dereitización de Patricia Bullrich e polo rexeitamento ao líder “libertario” (que quere reducir o estado á mínima expresión, privatizalo todo, ou sexa, moi afastado de selo polas ideas anarquistas). A vía do rexeitamento tamén foi escollido por moitas persoas que se absteñen normalmente, por non ver alternativa, coidaron que esta era unha situación extrema na que había que votar (a participación foi do 77%). 

No que suceda con cada tendencia interna de JxC e en reducir algúns puntos a abstención está a clave de quen governe un país. O que é de moito valor tanto pra Arxentina como pra a rexión, facendo alianza con Brasil, e polo tanto pra seguir avanzando no multilateralismo. Daquela, nas próximas semanas todos os ollos e presións estarán postas en JxC, que sae deste proceso como a gran derrotada, co que iso implica pras forzas que a integran, algunhas de traxectoria tan longa como o Partido Radical. 

Todo fai pensar que tanto Massa como Milei van moderar seu discurso. O primeiro centrando máis as súas propostas, algo que xa fixo durante a campaña electoral, e o segundo restando énfase ás proclamas anti-estado e privatizadoras de toda a actividade, achegando o relato a algunhas propostas de Bullrich. Ao respecto dicía nun artigo o xornalista arxentino Luis Bruschtein. “Massa e Milei van a turrar da base electoral de JxC. Milei menosprezou aos radicais, porén se fixo ver con Macri. Massa convocou un governo de unidade nacional e comprometeuse a integrar funcionarios e técnicos de todas as correntes políticas...”. 

Outro aspecto que non se pode obviar e que obter a maioría no Congreso non vai ser doado, aínda que Unión Por La Patria sexa a forza con maior representación en ambas cámaras, mesmo que as competencias da presidencia sexan importantes. En todo caso resulta evidente que mesmo no escenario máis positivo, ou sexa que saia elixido Sergio Massa, a correlación de forzas non axuda pra que a Arxentina poda emprender os cambios sistémicos necesarios pra enfrontar os retos desta conxuntura histórica. Aínda que a situación política e social sempre pódenos dar unha sorpresa, como foi o resultado desta primeira rolda electoral. Esperemos que sexa en positivo.

Te puede interesar