Opinión

A Arxentina que "volveu ao mundo"

As asociacións de pequenos e medianos empresarios/as da Arxentina acaban de pedirlle ao governo un plano de emerxencia, que evite os peches e despedimentos, diante da grave situación económica.  Esta esixencia súmase á proposta das centrais sindicais dunha unha lei anti-despedimentos (que xa foi aprobada no Senado) e aumentos salariais nas paritarias (negociación colectiva) que compensen a perda do poder adquisitivo. Baixo estes parámetros, realizáronse o día 29 de abril marchas masivas, co gallo do 1º de Maio, que na cidade de Bos Aires axuntaron máis de 300 mil persoas. Estas dánse nun contexto de axitación laboral, con paros e manifestacións de mestres/as e traballadores/as bancarios, que conseguiron rachar os topes que governo e patronal querían impoñer nas negociacións paritarias. 

Estes pronunciamentos e protestas están a debuxar aceleradamente un novo mapa político e social. Un escenario menos favorábel pra dereita, cuestionando a iniciativa que Macri mantivo dende que asumiu a presidencia. Só a gran patronal e os medios hexemónicos aparecen como aliados pra exercer o veto á lei anti-despedimentos, e pra continuar coas medidas de axuste regresivo.  Cambiemos, o partido do presidente, necesita no Parlamento do apoio doutros grupos, comezando polos seus aliados da Fronte Cívica (Carrió) e do Partido Radical, así como da Fronte Progresista do peronista Massa. Polo que, de se manter a unidade sindical, e coller distancias a pequena e mediana empresa, os apoios de Cambiemos iranse facendo máis esixentes e mesmo contestatarios, reducindo a súa capacidade de manobra. 

Ao forte aumento das tarifas da electricidade, auga, transporte, carburantes, engadiuse a dos prezos dos produtos básicos xa que a inflación se desbocou, algo ao que axudou a desvalorización. Calcúlase que a final de ano a inflación será dun 40-60% (só nos últimos catro meses creceu o 20%). O governo pretende  reducir esta cifra atrancando o aumento dos salarios, condicionando os resultados das paritarias, ou sexa, procurando que a clase traballadora asuma todos os custes do axuste. Porén o que máis impacto está a causar na opinión pública son os despedimentos masivos, que comezaron no sector público e se alargaron ao privado. Nos tres primeiros meses eleváronse a máis de 140.000 persoas. As medidas regresivas fixeron que a pobreza e a indixencia, aumentasen nun 7,8% e 2,7% respectivamente, só no mes de abril. Segundo a Universidade Católica (pola que pasaron algúns ministros deste governo) a pobreza medrou en 1.400.000 persoas de xaneiro a marzo de 2016.

O argumento de Cambiemos segundo o cal estas medidas eran imprescindíbeis pra recuperar rapidamente a economía perderon axiña o engado inicial, especialmente entre aqueles que o votaron contra o kirchnerismo. A erosión débese ao aumento de prezos dos servizos esenciais e á desvalorización da moeda, que afectaron rapidamente non só as clases populares senón a industria nacional e o comercio, mentres que os prometidos investimentos exteriores non aparecen por ningures. Ademais, botar toda a culpa á herdanza kirchnerista non funciona como pretendían Macri e a súa equipa porque, contra o que afirmaban, no ano 2015 a economía medrou nun 2,1%, e no primeiro trimestre de 2016 contraeuse nun -0,3%, e o FMI calcula que no ano 2016 decrecerá no 1%. Polo tanto, os datos indican que as medidas de axuste de Macri non só aumentaron a desigualdade social senón que tiveron un efecto negativo sobre a economía e a recuperación non se albisca. 

Agora pra gañar tempo, dende o Governo dise que a actividade vaise recuperar con forza no terceiro trimestre. Porén, estas son as consecuencias económicas, sociais e laborais de que a Arxentina “volvese ao mundo”, como cualificou Macri diante de Obama, en Bos Aires, a súa viaxe ao pasado.  

Te puede interesar