Opinión

O BE propón máis flexibilidade laboral

Segundo as proxeccións do FMI, do mes de abril, a economía do Estado español medrará un 6,4% no ano 2021 e un 4,7% no 2022, un crecemento maior que a zona euro e as “economías avanzadas”. Lembremos que no ano 2020 o PIB recuou un 11%, polo que, mesmo sendo optimistas estas previsións haberá que esperar ate o ultimo trimestre do vindeiro ano pra recuperar a economía a valores anteriores á pandemia. Respecto do emprego as proxeccións son menos optimistas, algo que ademais reflectise acotío co desmantelamento de algunhas actividades (como centrais térmicas, naval, aluminio, etc.), que están atinxindo de cheo ao país galego, e os despedimentos masivos en grandes corporacións, malia que perante a pandemia acadaron importes beneficios, como é caso da banca e enerxía, mentres que creceu a desigualdade e a pobreza.

Malia a grave situación social da maioría, dende a asalariados/as até autónomos/as e pequenos empresarios/as, e que a pandemia agudizou a centralización e concentración da riqueza e do poder, aínda que se tomasen algunhas medidas paliativas (ERTEs, IMV...), chama a atención que os proxectos dos fondos europeos do Next Generation estean no esencial vinculados coas grandes empresas (e fortunas). Cal será o seu reparto territorial tampouco está claro? E, por se non abondase con estas dependencias e incertezas o Banco de España (BE) teima na necesidade de manter a flexibilidade, e mesmo propón despedimentos máis doados adoptando a “mochila austríaca”, como pulo pra crear emprego. En lugar da innovación, limitar o lucro empresarial, e medidas que dean vantaxes á produción interior.

Deteñámonos un chisco no tema da mochila austríaca. O argumento é que trata a todos/as os asalariados por igual, é verdade, mais reducindo o custe dos despedimentos, cando é evidente que a contía é o que bota pra atrás a utilización abusiva deste recurso por parte de moitos/as empresarios. A adaptación a este novo sistema (uns 8 mil millóns de euros) faríase con fundos europeos, ou sexa que pagariamos todos e todas a través de impostos (tanto se trate dun préstamo como dunha achega). O BE defende que se rebaixe a indemnización por despedimento a 6 días por ano aos temporais, 10 a aqueles que o son por razóns económicas e 16,5 días aos improcedentes. Moi inferiores aos actuais.

A empresa tería que adiantar os 6 días por ano traballado que iría a un fundo persoal, co traballador cobraría se é despedido, decide marchar da empresa ou se xubila. Na práctica converte en temporais a todos e todas os asalariados. Unha medida deste tipo, sumada a que se eliminou a ultraactividade nos convenios e que prime o máis favorábel ao traballador/ra sexa sector ou empresa, mais a lexislación que limita a protesta laboral, como a Lei Mordaza e o artigo 315.3 do CP, implicaría un novo retroceso nos dereitos laborais e co tempo nas condicións de traballo. Contestará o Governo a estas propostas tan regresivas ou calará, dándolle arroupe, aínda que non as comparta, ou só se trata de que non son aplicábeis neste intre?

Os datos reflicten o retroceso do traballo en relación cos ingresos do capital. No ano 2012 os salarios na Galiza representaban o 46,2% do PIB e os do capital o 43,9%. No ano 2018 os salarios atinxían o 43,9% do PIB e as rendas do capital o 46,1%. Hai que lembrar que os/as asalariados suman máis do 80% da povoación ocupada, e que no ano 1981, representando pouco máis do 50% obtiñan o 62% da renda, é verdade que nunha sociedade onde o autoconsumo era o modo de vida dunha parte moi importante da xente na Galiza. A concentración do capital é preocupante, máxime cando en boa medida se realiza por empresas que teñen sua sede no exterior, co que isto implica de exportación do excedente, da subordinación económica e de limitación ao desenvolvemento.

Te puede interesar