Bóveda como símbolo da Galiza Mártir

Bóveda como símbolo da Galiza Mártir

O vindeiro 17 de agosto conmemorase o Día da Galiza Mártir, en homenaxe a milleiros de persoas que na Galiza foron fusiladas, detidas e torturadas polo golpe militar de 1936. A decisión debese á Irmandade Galega de Bos Aires, pouco despois da súa constitución no ano 1942 por iniciativa de Castelao. A data escollida correspondese co fusilamento de Alexandre Bóveda no ano 1936 na Caeira, no concello de Poio, na beira do río Lérez fronte á cidade de Pontevedra. Bóveda naceu no ano 1903 en Ourense.

Naquel intre Bóveda exercía de secretario do Partido Galeguista e co seu asasinato, o xuízo foi unha comedia, o alzamento militar quería impoñer o medo na povoación e negar a identidade nacional de Galiza, Cataluña e Euskadi. Encetaba así unha etapa da historia ateigada de represión, e de recreo do atraso. Tal como se manifestou nas multas, no control social, na emigración masiva sen retorno a América (de 1940 a 1970 cun saldo migratorio negativo pra Galiza de 581.869 persoas, segundo o INE); e posteriormente a Europa. 

Alexandre Bóveda exercía de funcionario da Delegación de Facenda de Pontevedra, despois de obter en Madrid o número na convocatoria. Na cidade do Lérez asistía á tertulia de Castelao e Losada Diéguez. En 1928 ingresou no Seminario de Estudos Galegos, e en 1931 colaborou no proxecto de Estatuto, elaborando o anexo económico financeiro. Asemade, tivo un papel destacado na coordinación e divulgación do proxecto de Estatuto de 1936. Hai, ademais do Bóveda político, outro que alenta a actividade económica e cultural, cun papel decisivo na creación da Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra, da que foi director, ou integrando a Coral Polifónica.

A valía política de Alexandre Bóveda fica demostrada cando foi escollido na fundación do Partido Galeguista como secretario de organización. Tratábase dun posto de moita responsabilidade nun partido que acababa de nacer. O rápido crecemento en militancia e estrutura en toda Galiza deixou en evidencia que se nomeara á persoa axeitada. Non esquezamos que daquela Bóveda tiña só 28 anos, cando persoeiros como Castelao xa cumpriran os 45, Villar Ponte 50, Alonso Ríos 44 e Suárez Pícallo 37. Malia estas diferenzas de idade e a diversidade de experiencias de vida formaron unha equipa que funcionou: analizando, divulgando, organizando, axitando... E Bóveda será esencial pra  compaxinar esas potencialidades, pola súa capacidade de diálogo e rigorosa formación intelectual. 

O seu pensamento político fica reflectido cando diante do perigo fascista opta por apoiar a alianza coa Fronte Popular. Esta postura do partido serviría como escusa pra ruptura do sector da dereita. Como un antecedente desta decisión, hai que lembrar que seica encetou a súa vida política “cando un día, estando seu pai que era carpinteiro e ler un xornal, alguén lle espetou: que tempos, agora até os obreiros len o periódico!...” Bóveda esixía no eido económico solucionar os problemas dos aranceis, eliminar intermediarios, facilitar os créditos, modificar o sistema contributivo e, moi especialmente, fomentar o cooperativismo. Propostas pra unha Galiza onde a maioría vivía no rural.

A da Irmandade Galega destacaba no exilio seu voceiro A Nosa Terra, que: “Ningunha data era máis axeitada que esta, pra lembrar e honrar aos milleiros de galegos que foron fusilados polo só “delito" de querer a Autonomía de Galiza e de ser leais á República”. Entre eles salientaba a Alexandre Bóveda, Víctor Casas, Ánxel Casal, Xaime Quintanilla, Blanco Torres, Johan Carballeira, Martínez Garrido,... e outros moitos. Son feitos e persoas que non se poden esquecer.  Cando era un cativo escoitaba na casa, en Bos Aires, como a falanxe levaba do Mosteiro de Celanova detidos que nunca volvían, e o alto de Forriolo tinguíase de sangue.