Opinión

Bóveda: Fixen canto puiden por Galiza e máis faría

Cando por vez primeira na miña vida, o 12 de abril, fun exercitar o meu dereito a voto e votei pola República non era pra min un fin, senón un medio, como un medio tamén é o Estatuto”. Deste xeito expresábase Alexandre Bóveda. Trátase dun paragrafo no que marca a folla de ruta, o inmediato e o estratéxico, xa que ilustra con toda claridade cales eran os obxectivos do nacionalismo galego durante a Segunda República. 

Aínda que pareza mentira, malia o tempo transcorrido, estas cuestións, tan esenciais xa que socializan o proceso e os obxectivos a atinxir en cada etapa, aínda que debatidos, non están neste intre expostos e coa máxima claridade diante da sociedade. É así, por máis que o recoñecemento da identidade nacional de Galiza (aceptada a medias como nacionalidade histórica), o dereito de autodeterminación, a defensa da cultura e lingua propia, así como maiores competencias e blindadas, sexa algo urxente e xusto, e reclamado dende hai máis de século e medio, lembremos a Revolución de 1846. 

Non se pode obviar que ademais da mobilización masiva da sociedade galega todo avance nestes obxectivos depende da correlación de forzas, tanto na rúa como nas institucións, da incidencia nos medios de comunicación, da situación no Estado, na UE e no mundo. Axudaran a avanzar nesta conxuntura as contradicións da Unión Europea, do esgotamento da globalización neoliberal, e da falta dun proxecto que sume complicidades a un capitalismo senil.  

Alexandre Bóveda naceu en Ourense e só tiña 33 anos cando foi asasinado polos que racharon a orde democrática da Segunda República. Traballou como funcionario na Delegación de Facenda, primeiro en Ourense e despois en Pontevedra, neste último lugar como xefe de Contabilidade con só 23 anos. Na cidade do Lérez asistiu á tertulia de Castelao e Losada Diéguez. No ano 1928 ingresou no Seminario de Estudos Galegos, e en 1931 colaborou no proxecto de Estatuto e participou activamente na fundación do PG. Malia ser católico practicante no ano 1936 aposta pola coalición electoral da Fronte Popular, como fixo a maioría do PG. Na actividade política púxose sempre do lado labregos e dos obreiros, e adicoulle grandes esforzos á aprobación do Estatuto. Unha traxectoria persoal, un proceso político de cambio, que sería liquidado polo levantamento militar de 1936, os procesos, a represión, os asasinatos. 

A intervención de Bóveda, daquela secretario do Partido Galeguista, no xuízo sumarísimo, no que estaba condenado de antemán, reflicte a súa convicción e firmeza: “A miña patria natural é Galiza. Ámoa ferventemente. Xamais a traizoaría, aínda que se me concedesen séculos pra vivir. Adóroa até máis alá da miña morte. Se entende o Tribunal que por este amor entrañábel débeme ser aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrificio máis por ela. Fixen canto puiden por Galiza e máis faría se puidese. Se non podo, até gostaría de morrer pola miña Patria. Baixo a súa bandeira desexo ser enterrado” Unha actitude coherente, valente, que fixo que fose a data escollida pola Irmandade Galega de Bos Aires en 1942 como a da “Dia da Galiza Mártir”.

Oitenta e seis anos despois, este 17 de agosto, debemos lembrar a aquelas persoas que deron a vida pola Patria e a democracia, por Galiza e pola República, encetando por quen como Bóveda tivo un papel sobranceiro na formulación do nacionalismo galego e na súa expansión. Porén tampouco podemos esquecer a figuras egrexias ¡fundamentais! como Xohan Carballeira, Anxel Casal, Xaime Quintanilla e tantos outros/as. Agora ben, ademais das lembranzas o mellor recoñecemento que lles podemos facer é continuar coa súa obra, manter vivas as súas arelas, e enfrontar co mesmo atrevemento e teimosía que eles tiveron os atrancos e retos que temos por diante.

Te puede interesar