Opinión

O brexit non representa o pasado

O brexit causou unha conmoción política no mundo, e moi especialmente na Unión Europea, xa que se daba por descontado que se trataba dunha consulta formal, que ía empurrar o proceso de globalización, dándolle un verniz democrático. Había motivos pra dar crédito a esta hipótese, xa que os grandes grupos empresariais, os medios de información hexemónicos, e a dirección dos partidos conservador e laborista, rexeitaban a saída da Unión Europea augurando todo tipo de calamidades. Ademais, científicos, persoas do ámbito do espectáculo, corporacións empresariais, organismos internacionais, e mesmo Obama e Merkel, metían baza no tema, pra incidir no voto, alentando unha visión catastrofista no caso de se aprobar o brexit. Esta actitude non foi casual, ou produto dunha arroutada, e reforzase agora ante o temor de que o exemplo británico se poda estender a outros países da UE. 

Hai razóns pra este histerismo xa que os que mandan xóganse moito; en cartos, que é o que lles importa. Nas últimas décadas, pra alén de que o PIB decreza ou medre, a tendencia dominante sempre é a mesma: un aumento da centralización e concentración da riqueza e do poder. Resulta lóxico, porque os máximos organismos da UE non foron elixidos democraticamente e os lobbys empresariais teñen máis incidencia que os parlamentos e as organizacións representativas da maioría (clase traballadora, autónomos do agro e a pesca, pequenos empresarios/as). A negociación segreda dos acordos de libre comercio pra globalizar o neoliberalismo (TTIP, CETA, TISA) son exemplo do carácter antidemocrático da Unión. O propio pódese dicir do Banco Central Europeo, que ten un papel preponderante nas políticas macroeconómicas, sen que a vontade popular teña o máis mínimo control. 

O brexit non é consecuencia dunha viraxe a dereita das clases populares. Reflicte que a socialdemocracia perdeu vínculo coa clase traballadora, e que as súas reivindicacións de “esquerda”, hai moito que non pasan da consigna e das esmolas. A extrema dereita aproveita este baleiro. As políticas “máis avanzadas” da socialdemocracia redistribúen traballo e ingresos entre a clase traballadora e sectores marxinados sen tocar os lucros das clases dominantes; fano en prexuízo da primeira e botando sobre ela a responsabilidade das situacións de estrema pobreza. 

Non foron precisamente as alternativas xenófobas as que inclinaron a prol do brexit a balanza no Reino Unido. Nun artigo, Andy Robinson dinos: “é difícil cualificar de racismo os receos dos paquistanís de cuarta xeración ante a chegada de miles de polacos. Máis ben é o medo que senten moitos traballadores precarios, de soldos minguantes, que ven ameazada a súa supervivencia. En Birkenhead, na beira oeste do río Mersey, en fronte de Liverpool, 10.000 persoas reciben axuda alimentaria pese a que a taxa de paro é de só o 5%”. Ou sexa, o brexit foi unha resposta consciente a unha Unión Europea que sacraliza a desregulación laboral e da auxe á man de obra de reserva pra aumentar a taxa de beneficios empresariais. 

Tampouco é verdade unha confrontación entre as persoas maiores, disque conservadoras e do ámbito rural, e a mocidade seica máis aberta das cidades. Nos suburbios das grandes urbes (Londres, Manchester, Liverpool) déronse as porcentaxe máis altas prol do brexit. E, segundo as enquisas, sendo certo que nos menores de 35 anos foi maioritaria a oposición ao brexit, non se pode obviar a abstención como postura hexemónica. Concretamente, entre os 18 e 24 anos foi dun 64%; e entre 25-34 anos do 42%. Daquela, tirar como conclusión que a mocidade aposta pola Unión Europea non é certo. O debate non acaba máis que comezar, e a UE non pode evitar, aínda que o pretenda, ignorar que está a ser cuestionada, que se olla máis como unha lousa que como unha solución.

Te puede interesar