Opinión

A brincadeira 
coas estatísticas

Resulta difícil crer algunhas informacións estatísticas que serven pra dar titulares favorábeis ao governo no referente á situación da economía e do emprego. Estes son dous temas sensíbeis, dado que afectan á enorme maioría das persoas, polo que alentan ou minguan expectativas que inciden nos resultados electorais. Daquela que, tan próximos ás xerais e ás galegas, cada poucos días aparecen titulares con novas cun panorama optimista prao futuro inmediato. Sería positivo que así fose, porén todo indica que o medre do PIB é conxuntural, que non atinxe ás clases populares e, especialmente, as condicións laborais non deixan de se degradar e a xeración de emprego é moi cativa, polo que levaría máis dunha década volver a parámetros semellantes aos de antes do axuste (a chamada crise).

O crecemento do PIB está moi condicionado polo aumento do turismo, e polo tanto polo seu descenso por distintas razóns na Tunisia, Exipto e Grecia. Tamén pola queda do prezo do petróleo e gas, e pola flexibilidade cuantitativa do Banco Central Europeo. Todos eles factores conxunturais. O retroceso das condicións laborais tampouco significou unha vantaxe competitiva, xa que afectou ao consumo das clases populares, ás pensións, ao aumento da pobreza, aos desafiuzamentos, ao peche de comercios, e ao medre do desemprego e dos impagos á banca. O aumento das exportacións débese sobre todo á depreciación do euro, xa que tivo o seu maior crecemento en Asia, América, Marrocos. Non se pode agochar que a teimosía do Governo, da UE, e das institucións internacionais, en recortar gastos sociais e precarizar o mercado laboral (empregan unha terminoloxía máis sutil) ten como principal obxectivo favorecer a produción e o comercio de escala (a globalización) e polo tanto a concentración e centralización da riqueza e do poder.

Malia as escusas que se utilizan unha e outra vez pra demorar a redistribución do traballo e a pobreza producida, co argumento da competitividade internacional, na práctica a tendencia dominante, baixe ou suba o PIB, é a do aumento da desigualdade entre países e clases sociais. Daquela que, pra opacar a situación, as estatísticas que se ofrecen moitas veces carecen do máis mínimo rigor e son totalmente contraditorias. Porei un exemplo de actualidade. A pasada semana, segundo o INE, as familias galegas que non tiñan capacidade pra facer gastos extras imprevistos, baixou do 38,6% en 2014 ao 29,6% no ano 2015. Unha rebaixa do 9%. E isto malia que o ingreso medio por persoa reduciuse neste tempo. Ou sexa, a queda do PIB e os axustes, salariais, en servizos sociais e o aumento do IVE, seica favoreceu á base da pirámide. Hai que ter valor!

Segundo o INE, este recuar da pobreza aínda sería maior nos fogares que chegan con moita dificultade a final de mes, que baixaron do 20,8% ao 7,1% no mesmo período. Neste caso, serían un 13,7% menos. Mesmo sabendo que moitos inmigrantes marcharon do país, ao ser un colectivo moi sensíbel ao desemprego, e unha parte da mocidade segue a emigrar, estes datos non son críbeis, xa que non se pode ignorar que baixou a cobertura de desemprego, dos dependentes, e a precariedade laboral vai en aumento. Ademais, estes datos son contrarios aos que logo se dán en relación co risco de pobreza, que se fixa nun 19,4% das familias, cun crecemento de 4 puntos de 2014 a 2015.

Cómpre seriedade nas estatísticas oficiais, e se a mostra é moi reducida, cando se trata de ámbitos como o de Galiza, que se recoñeza que carecen de precisión, e se tomen as medidas necesarias pra aumentar o número de enquisas. Tampouco é de recibo que no comercio exterior do noso país se exclúa o resto de Estado, cando representa aproximadamente a metade do total. Como se poden facer análises e valorar escenarios con datos imprecisos?

Te puede interesar