Cando as contradicións son insoportábeis

Cando as contradicións son insoportábeis

Non só o Brexit afecta o futuro da Unión Europea, ao se desligar Reino Unido, a segunda economía e maior potencia militar, xa que as tensións de Bruxelas con Italia e os países do leste van a máis, especialmente con Polonia e Hungría. E nada permite pensar que estas contradicións se solucionen con cambios de governo ou reformas cosméticas. A conxuntura destaca por unha forte disputa polo reparto da riqueza e do poder no mundo, e a Unión Europea semella incapaz de rachar co papel subalterno respecto de Estados Unidos, polo que non pode ofrecer unha distribución da renda máis equitativa. Pola contra, non deixa de medrar a desigualdade entre territorios e entre clases sociais, e o crecemento do PIB está moi por debaixo da media mundial, e por suposto do que ten Estados Unidos e sobre todo China. 

Neste contexto, de medre da explotación, de precariedade e de falta de expectativas pras clases populares, hai que analizar a rebelión dos chalecos amarelos en Francia. Un movemento que ten un carácter máis popular e combativo que o 15-M no Estado español, aínda que non teña a dimensión e potencia política das revolucións de cores nos países arabés. Non é secundario que se dese nun estado que exerce de potencia en varios países subsaharianos, e cuxo presidente pretende xogar un papel destacado na política internacional. Aínda que na última década perdeu peso na economía da UE, e ten unha balanza de bens e servizos co exterior deficitaria, que dá folgos ao déficit público. Aspectos negativos que o Governo de Macron busca solucionar a través de axustes regresivos no laboral e nas prestacións públicas. Ou sexa, mediante receitas neoliberais, agravando o cadro social.

A respecto dos chalecos amarelos e súas reivindicacións. Este movemento naceu do rexeitamento ao aumento do imposto ao carburante, unha postura que algúns consideran propia da dereita, mais cómpre lembrar que a Revolución Francesa tivo orixe na oposición a impostos que o povo consideraba abusivos. Lembremos que motíns e revoltas semellantes déronse nas zonas rurais galegas, por exemplo en Nebra. Hai impostos que son inxustos porque se ceban nas clases máis modestas, e outros que teñen un carácter progresista porque serven pra redistribuír a riqueza. Por outra banda, non se pode obviar que as reclamacións dos chalecos amarelos fóronse completando con esixencias que se concretan en 42 puntos, que son unha radiografa do seu ideario: máis gasto social; intervención bancaria; aumento salario mínimo; máis presión fiscal ás grandes empresas e fortunas; etc. 

A transcendencia desta revolta popular, pra alén do resultado inmediato, non se debería subestimar. Tanto polo carácter referencial que ten Francia na Unión Europea e no resto do mundo, como polo feito de que disputou súas reclamacións nas rúas durante un período extenso. Ademais, conta coa complicidade maioría da sociedade francesa (70-75%), algo relevante, máxime cando o apoio a Macron e ao sistema foise deteriorando en boa medida. Tampouco se pode obviar que o Governo empregou todos os medios represivos pra evitar as protestas, utilizando até 80.000 efectivos, e que foron detidas até finais do ano pasado 5.600 persoas, 1.400 feridas e houbo seis mortas. E sendo verdade que nas últimas semanas o movemento foi perdendo folgos (será só polas festas?), o certo é que pra esmagalo definitivamente Macron vai tomar medidas que limitan as protestas sociais e aumentan a dureza das penas. Un paso atrás nos dereitos democráticos que foi rexeitado pola oposición política. En resumo. Francia non é unha excepción, e os medios de control social amosan que xa non son eficaces. Contradicións nas clases dominantes, e desta coas clases populares, que van a máis... Represión? Reforma? Revolución? Todas as vías están abertas.