Opinión

Cando a natalidade é unha cuestión sistémica

Máis unha vez escoitamos voces alarmistas encol da grave situación demográfica do noso país, onde morre moita máis xente que nace. Hai motivos pra que se considere a situación dramática, xa que pon en cuestión en boa medida o futuro da Galiza. Mais choca que algúns dos que máis se laian, e piden medidas urxentes, sexan despois os que avalan ou promoven políticas que dan folgos a condicións laborais e sociais que eivan calquera solución. Alguén pode pensar que é posíbel aumentar a taxa de natalidade cunha emigración da mocidade tan forte, con salarios baixos e contratos precarios, e unha parte tan grande da clase traballadora no desemprego?

Hai que considerar moitas das declaracións como puro teatro e que, o que resulta preocupante, algunhas só pretendan culpabilizar ás vítimas, poñelas á defensiva, pra propoñer saídas que mesmo exclúen aos habitantes do país. Por exemplo, a proposta que fai o Foro Económico de Galicia, amplamente divulgada nos medios, pra “importar” 20.000 mulleres do exterior ate o ano 2050. Nada menos que 700.000 mulleres inmigrantes, ás que habería que sumar homes e familia, sen ter en consideración que non todas terían fillos e fillas, a menos que se pense que se trata de galiñas poñedoras que un merca na feira. Ademais de ser unha proposta ofensiva pra dignidade das mulleres, e das/dos migrantes, non ten en consideración o impacto social, cultural e lingüístico, xa que na práctica pretende substituír masivamente a povoación autóctona por outra foránea. En relación coa solución máxica da inmigración cómpre dicir que xa é moi alta no noso país, e pouco resolveu iso. Nomeadamente, no tramo entre os 20 e 44 anos, naceron fóra de Galiza o 19,35% dos habitantes. No caso concreto da provincia de Ourense esta porcentaxe baixa ao 16,46% nesta franxa de idade, que é a máis activa a todos os niveis.

Non din como van facer pra atraguer esta inmigración, tendo en consideración a alta taxa de desemprego e a precariedade laboral. A menos que se pense combinar a substitución da man de obra autóctona por outra con salarios máis baixos e peores condicións laborais, pra lograr, mediante o dumping social, un crecemento da economía, coa única finalidade de aumentar o lucro empresarial. Mais isto é o que se leva facendo dende o inicio da crise, e malia a rebaixa dos salarios e o aumento da xornada, o desemprego pouco baixou. Concretamente, no caso de Galiza cuns custes laborais entre os máis baixos do Estado, non se gañou competitividade. Pola contra, a tendencia é a que a actividade económica e o lucro se centralicen nos grandes núcleos, aqueles que teñen máis poder, malia que os salarios sexan máis altos. Asemade, boa parte do “milagre” do descenso do paro que nos vende o Governo débese á emigración e a que aumentou 5 puntos o traballo a tempo parcial. Non podía ser doutro xeito, non é posíbel crear máis emprego que o correspondente ao crecemento do PIB, que como todos/as sabemos é positivo, aínda que moi baixo.

Mentres non se xere emprego abondo e digno non se conseguirá que aumente a natalidade, e que retornen os emigrantes que se viron forzados a marchar. Consecuencias: un 22% das crianzas por debaixo da liña de pobreza, e os comedores públicos ateigados de xente. Hai que ser moi atrevido pra casar e ter fillos e fillas cun traballo precario ou estando no desemprego. Esa é a situación na actualidade do 43,4% da masa laboral, especialmente da mocidade, que é a que está chamada a procrear. Porén o sistema económico vai por outro camiño, concentrando e centralizando riqueza e poder, dando folgos á desigualdade social e entre territorios. O único xeito de corrixir esta tendencia é que mude o papel que Galiza xoga no sistema, que remate a dependencia. O demais son lerias.

Te puede interesar