Opinión

Cando pluralidade e fragmentación van da man

Os dados de desemprego e afiliación á Seguridade Social son positivos, polo que o Governo e a Xunta sacan peito. Mais este medre ten moitos aspectos conxunturais, e non é ouro todo o que brilla. Os piares que alentan a economía son totalmente dependentes do contexto global, algo que non controla nen o Governo do Estado español, nen a Xunta, co que isto ten de debilidade. Refírome concretamente: á queda do euro respecto do dólar e á rebaixa do prezo do petróleo; á flexibilidade cuantitativa do BCE, poñendo no mercado billóns de euros; e sobre todo, ao pulo do turismo polos atentados en países competidores, como son Tunisia, Turquía, Exipto, e á inestabilidade política en Grecia. Aínda que a situación non mudase neses países, un atentado no Estado español, daría ao traste co que neste intre é a actividade con maior crecemento. 

Non menos preocupante, porque ten un carácter estrutural, mesmo dependendo das políticas que desenvolvan o Governo central e a Xunta de Galiza, é o tipo de medre económico-social polo que se aposta, baseado en baixos salarios, xornadas reducidas, temporalidade e alta rotación, e actividades extenuantes. Este é un problema de fondo dunha enorme gravidade, non só porque aumenta a desigualdade (e a explotación), senón porque arredor dun 30% da povoación está por debaixo da liña de pobreza e vai en aumento, afectando tanto á calidade de vida desta fracción da sociedade, como ao mantemento das pensións e ao equilibrio demográfico. Estase xerando un burato que levará décadas remendar, se algunha vez se decidise facelo. Non son unha saída as axudas á natalidade; estes remendos, sendo positivos, non dan resposta á problemática de fondo. Así o amosa o feito de que entre os 41 países da OCDE, o EE sexa o cuarto en maior desigualdade económica (só superado por México, Bulgaria e Romanía).
As anteriores son tendencias que atinxen todas as nacións do Estado, mais nun grao moi distinto, dependendo menos das potencialidades xeográficas e económicas de cada territorio que do seu poder político dentro do Estado español (autoorganización, demografía...).

Evidentemente, que sexa así non é resultado da acción de tal ou cal governo, malia que isto incida, senón que forma parte dun proceso histórico, cando menos no que respecta a Galiza. Daquela que, malia as nosas riquezas minerais, pesqueiras, forestais, gandeiras e enerxéticas, e termos unha situación xeográfica estratéxica, o noso PIB e a povoación non deixan de recuar en relación co Estado español. Nomeadamente, nas últimas catro décadas (1975-2015), o PIB galego recuou do 5,99% ao 5,15%, e o número de habitantes do 7,49% ao 5,86%. Unha desfeita nacional. A autonomía deunos algunhas competencias, mais as fundamentais, as económicas e laborais, seguiron en mans do Estado, algunhas foron transferidas á Unión Europea, e outras foron recentralizadas coa LOAPA, ou leis como a de Unidade de Mercado. Daquela que a nosa economía seguise como furgón de cola, xa que está dimensionada como periférica con algunhas actividades de enclave. 

Por último, hai que diferenciar entre o emprego estatístico e a realidade. O pasado mes xeráronse 8.750 novos empregos, seica “o mellor xuño da última década”. Mais na Galiza, o paro baixou en 13.144, unha cifra moi superior. Razóns: o envellecemento, a emigración, tanto a outros territorios do Estado como á Unión Europea. Tampouco se pode obviar o aumento da rotación, ou sexa da temporalidade, e o emprego a tempo parcial. Un xeito de repartir os ingresos entre aqueles con menores salarios, sen afectar á alta burguesía. Medidas que son consubstanciais co medre da desigualdade, co desemprego estrutural, coas migracións masivas, ou sexa, con sociedades dise que plurais, mais sobre todo inxustas e interesadamente fragmentadas.

Te puede interesar