Opinión

O capitalismo na encrucillada

Cando terminou o mundo dividido en bloques os teóricos do sistema anunciaron un forte crecemento da economía, grazas ao impulso da iniciativa privada e o libre mercado. Unha expectativa que se asociaba aos avances científicos e técnicos. Falouse do pensamento único, mesmo nalgúns países a esquerda e a dereita converxeron no governo, como en Alemaña. Teorizouse sobre o fin do traballo, e como a clase traballadora ía ser substituída por robots. 

Asemade, axudou á consolidación do capitalismo a caída da URSS, así como o retroceso do movemento obreiro e dos partidos da esquerda antisistemica, por mor da internacionalización do capital, o predominio da especulación financeira, a deslocalización industrial e as migracións masivas. E, como contrapartida sacrificábase a soberanía e a diversidade de culturas e linguas das nacións máis débiles, e alentábase a segmentación social como sinónimo de progreso interno en cada país, comarca e cidade.

E, en só tres décadas, das que a última supuxo un duro reaxuste entre clases sociais e entre nacións, os resultados amosan que a mocidade carece de futuro. A precariedade laboral, baixos salarios e as xornadas interminábeis, a pobreza e marxinalidade, atinxe a unha parte cada vez máis ampla da humanidade. E o desenvolvemento de China, súa conversión en gran potencia, xa non valen pra maquillar as cifras macroeconómicas mundiais. Sendo todos os aspectos anteriores importantes, ningún é tan preocupante, porque está en xogo o propio futuro da humanidade, como o da desfeita ecolóxica. Pra solucionar este atranco non abonda coa boa vontade e con maquillaxes, cómpre mudar o modelo de vida, darlle ao público prioridade pra garantir os cambios, repartir traballo e riqueza dun xeito xusto, desenvolver os países menos avanzados, e frear o medre da povoación nuns casos e alentar a natalidade noutros. Todo isto vale de pouco cando as Bolsas substitúen as relacións humanas, e están internacionalizados os investimentos e beneficios das grandes corporacións e fortunas (malia que se apoien nas potencias mundiais). O privado prima sobre o interese público.

Agora ben, as sucesivas crises, a caída e concentración da taxa de beneficio, e as revoltas sociais que se espallan polo mundo (Ecuador, Perú, Haití, Chile, Colombia, Líbano, Francia...) deixan en evidencia que non son controlábeis cos mecanismos represivos tradicionais. A estas protestas masivas hai que engadir a abstención cada vez maior nos procesos electorais, co que isto implica de afastamento do sistema, xunto coa fragmentación política. Son o paso previo pra cambios radicais, tanto cara a esquerda como á dereita. En Brasil, onde Bolsonaro está a preparar un duro axuste, temese esta onda de revoltas populares, que precipitaria a caída dun governo de ultradereita.

A todos estes síntomas súmanse as diverxencias na Unión Europea co Brexit, na OTAN, coas políticas de Trump. E o tempo amosa que as grandes potencias e as clases dominantes carecen dunha proposta alternativa que gañe complicidades, como sucedeu en situacións anteriores, xa que as reformas mínimas xa non son efectivas. Nas últimas décadas demonizaron no imaxinario colectivo a alternativa socialista, mesmo o papel decisivo do público. E, ao mesmo tempo colleu forza a estrema dereita (que as veces disfrazase de populista) pra que a clase traballadora optase entre eles o “mal menor” e a abstención. Casualidade?

A desfeita ecolóxica, a confrontación entre potencias, a especulación e desigualdade, o medre da explotación de clase e opresión nacional, das migracións masivas forzadas, son a expresión do esgotamento da globalización neoliberal. Polo que, mesmo persoas representativas que gababan o sistema comezan a cuestionar o capitalismo. Temos por diante grandes convulsións e cambios.

Te puede interesar