Opinión

Castelao, a voz do povo

A figura máis sobranceira do nacionalismo galego, Daniel A. Rodríguez Castelao, morreu no exilio, o 7 de xaneiro de 1950. Naceu en Rianxo no ano 1886, e estivo de rapaz como emigrante coa súa familia na Arxentina. Co gallo do seu falecemento dicía A Nosa Terra no número de xullo de 1950, nun especial adicado ao tema, que: “fixo culto do amor a Galiza e ao seu povo, e loitou arreo pola súa liberdade”. O franquismo fixo todo o posíbel por afogar a súa figura, como intentou tamén esmagar todo aquelo que tiña relación co feito nacional galego, coa nosa identidade, coas xustas reclamacións dos de abaixo, cos labregos pobres e a clase obreira... mais non o conqueriu. 

A Castelao temos que lembralo pola súa contribución á formación do Partido Galeguista, que deu unha expresión política propia ao país e capaz de ilusionar ao povo. O PG destacou pola súa laboura a prol do Estatuto; pola súa capacidade pra integrar no mesmo proxecto a persoas tan lucidas e diferentes como Bóveda, Suárez Pícallo, Anxel Casal e tantos outros. Porén, ademais a Castelao cómpre recordalo pola súa coherencia, e porque expresou con argumentos sólidos e de xeito sinxelo a realidade do país, as contraditorias relacións históricas co Estado español, e as arelas de soberanía do noso povo. 

No libro Sempre en Galiza reuniu o seu pensamento. É doado de ler, argumenta, marca as contradicións, as solucións, a folla de ruta. O Sempre en Galiza fai unha radiografa daquela etapa de tanta transcendencia, mais tamén unha síntese da historia do país, por exemplo, cando lembra a doma e castración do Reino de Galiza que: “ficou sometido a un réxime de colonia conquistada e indina de exercer dereitos políticos. Os Reis Católicos domaron a nobreza castraron ao povo pra trocaren deste xeito unha forza de touros nunha forza de bois”. En relación coa conquista da soberanía pra Galiza, fixaba o dereito de autodeterminación: “Unha nación soberán ten dereito a organizarse autonomicamente, sen máis límites que os derivados do respeto ao dereito igoal das demais nacionalidades. A nación ten dereito a federarse con outras ou separarse da federación cando lle conviñer. Unha nacionalidade, pois, ten dereito, incluso, a constituírse en Estado independente”. 

Ademais do dirixente político, está o Castelao que divulga a radiografía da realidade social, complexa, mais con tendencias que son dominantes, como a dependencia, a inxustiza... Temos a un Castelao que en “Cincoenta homes por dez reás” amosa con crueza e fielmente a realidade cotiá, mais tamén unha aposta pola xustiza social, e o cambio sistémico. Concretamente en debuxos como “o home que en doce anos de América gañou pra un enterro de primeira” denuncia a traxedia da emigración. E no do “home rico en pesetas que regala céntimos pra ir ao ceo” critica o cinismo dos poderosos. Noutros dos seus libros, como Galiza Mártir, Milicianos e Atila en Galiza, reflectiu as barbaries do levantamento militar e da ditadura franquista. 

Bieito Cupeiro directivo da Irmandade Galega de Bos Aires, afirmaba no número especial de A Nosa Terra co gallo da morte de Castelao, que: “o mellor homaxe que á sua lembranza podemos tributarlle é seguir loitando con desinterese e patriotismo, pra que teñan fin cumprido os anceios do ilustre compatricio, inspirándonos nas súas ensinanzas”. Tiña razón, máxime cando hoxe ficamos nun contexto ateigado de interrogantes, dun capitalismo senil, que necesita dunha análise e reflexión histórica, pra valorar correctamente os obxectivos e a andaina. E neste aspecto teñen relevancia as contribucións dos nosos devanceiros, pra potenciar os acertos e darmos un salto colectivo, eliminando todas as formas de opresión e explotación e recoñecéndonos na diversidade.

Te puede interesar