Opinión

Clase e nación olladas desde a periferia

Samir Amin foi un dos pensadores marxistas máis importantes das pasadas décadas. Naceu no ano 1931 na cidade do Cairo, de pai exipcio e nai francesa, e morreu en París no ano 2018. Era economista, publicou unha morea de libros e artigos, e deu numerosas conferencias. Estivo no noso país participando da Semana Galega da Filosofía no ano 2011. Entre os seus moitos méritos está o de ser un dos impulsores do Foro Social Mundial (FSM), do que se realizou o primeiro evento no ano 2001 en Porto Alegre, Brasil, e que ten un carácter claramente antiglobalización. 

 Amin ligaba o marxismo á problemática da dependencia, tendo en conta á interdependencia que existe na periferia, a maior parte do mundo, entre explotación e opresión, clase e nación. A este respecto afirmaba: “A soberanía de quen? Esa é a pregunta. fomos afeitos a través da historia a coñecer o que se denominou como a soberanía nacional, a estabelecida pola burguesía dos países capitalistas, polas clases dominantes pra lexitimar a súa explotación, en primeiro lugar sobre os seus propios traballadores, pero tamén pra fortalecer a súa posición na competición cos outros nacionalismos imperialistas. É o nacionalismo burgués (...) Por contra, nas periferias coñecemos outros nacionalismos, procedentes do desexo de afirmar unha soberanía antiimperialista, traballando contra a lóxica da globalización imperialista (...) Falamos doutra soberanía (...) concibida como un vehículo de liberación, facendo retroceder a globalización imperialista contemporánea. Un nacionalismo antiimperialista, xa que logo, que nada ten que ver co discurso demagóxico dun nacionalismo local que aceptaría inscribir as perspectivas do país integrándoo na globalización, que considera ao veciño máis débil como o seu inimigo”.

A interpretación que fixo das potencias hexemónicas e do capitalismo é clara, sen concesións, e en boa medida anticipaba a grave conxuntura actual de confrontación entre bloques. Definía ao capitalismo nesta etapa como senil, xa que non podía ofrecer un proxecto de futuro capaz de engaiolar con falsas promesas á maioría social. Daquela que tivese características máis agresivas e represivas, como amosa a escalada da confrontación coas potencias emerxentes ou países que afirman a súa soberanía. Sintetizaba que: “a intervención sistemática dos EEUU repousaba sobre tres principios: a substitución brutal da ONU pola OTAN, como medio de xestión da orde internacional; o aliñamento de Europa cos obxectivos estratéxicos de Washington; a elección de métodos militares pra reforzar o hexemonismo norteamericano (bombardeos sen risco e uso de tropas europeas ‘cipayas’ de cara unha eventual intervención sobre o terreo)”. Amin apostaba pola paz, pola solidariedade, por un mundo multipolar. 

Son igualmente valiosas as súas reflexións sobre China, segunda potencia do mundo (e primeira na actividade produtiva). Coida que o seu rápido crecemento non se pode considerar mérito exclusivo do investimento exterior, xa que outros países fixeron ofertas máis atractivas ao capitalismo e non conseguiron iguais resultados, ademais “o capital multinacional non desenvolveu a urbanización e a realización de infraestruturas”. Respecto do futuro de China coidaba que dependería da repolitización da sociedade, do control polo Estado da economía, do protagonismo das clases populares, e de resolver a burocratización do Partido Comunista. Fortalezas e eivas que collen máis valor na actual confrontación.

Samir Amin vencella a economía ás condicións sociais, ao contexto político e ao poder, analiza a súa evolución, as forzas actuantes, o estado de animo e a conciencia da xente, e a folla de ruta. Fai análises e reflexións de actualidade, neste contexto de crise económica e política... de agresivo militarismo.

Te puede interesar