Opinión

A clase obreira 
segue empurrando

Os intelectuais neoliberais, e non poucos da esquerda progre e morna, dan a clase obreira como unha forza en retroceso, suplantada na loita social por unha masa heteroxénea e fragmentada. As razóns: o medre da man de obra de reserva, a deslocalización da industria transformadora, a terceirización das relacións laborais e, por se non abondase, engaden, que estas tendencias aceleráronse coa crise. Mais, sendo todo isto correcto, o certo é que que a clase obreira segue sendo a que abrangue unha base máis ampla, combativa e organizada; e isto dáse especialmente naqueles países da periferia, como é o caso de Galiza. 

Non podemos considerar a clase obreira cos mesmos criterios que hai medio século, cando só abranguía aos empregados manuais na industria transformadora e na construción (os servizos eran anecdóticos). Hoxe a clase obreira está integrada por todos os traballadores e traballadoras por conta allea que realizan unha actividade manual ou tarefas rutineiras en serie, como a teleasistencia. Ou sexa, hai que lle dar ao termo un valor actual, tal como fan analistas como o brasileiro Ricardo Antunes ou o francés Alain Bihr. Esta caracterización semella a máis correcta, máxime cando un obreiro/ra pode estar hoxe no naval e mañá fregando pratos nun bar ou de peón na construción. 

En relación con este tema, quero contar a seguinte anécdota. Hai unhas semáns pasei pola miña aldea, a poucos quilómetros de Allariz. Xa había tempo que non me achegaba, e alí falei un anaco cunha das poucas veciñas do lugar. A conversa foi toda unha lección dos cambios sociolóxicos que se produciron nas últimas décadas. Faloume das dificultades económicas e sociais do momento e de que “os obreiros estaban hoxe moi mal pagos, as condicións laborais eran malas, e faltaba traballo”. Que en Seoane, a 600 metros de altitude, na montaña, pleno rural, haxa quen se reivindique parte da clase obreira reflicte profundas mudanzas na composición social desta nación.

Asemade, malia que as altas taxas de desemprego e de contratos temporais premen á baixa as condicións laborais (xornada, salarios, etc.), e que estas teñen recuado en moitos sectores, tal como reflicten as estatísticas, non por iso a loita por manter e mellorar os ingresos desapareceu nen os triunfos sindicais son cousa do pasado. No último ano houbo na Galiza destacados conflitos laborais que terminaron en éxito, como os de Albada na Coruña, despois de 108 días de folga, o de Urbaser adicada á recollida do lixo en Lugo (59 días de paro), e o da auxiliar do automóbil Denso, en Vigo, (5 días de folga). Nesta última, a máis recente, conseguiron incorporar a 40 operarios como fixos e un aumento do 12,5% en tres anos prao cadro de persoal, entre outras melloras. 

En realidade, como noutros ámbitos, os avances e retrocesos dependen de varios factores. Concretamente: da actividade, da empresa, e moi especialmente do grao de organización sindical e de que central sindical teña forza no sector e centro de traballo. Xa que, como acontece no eido político, tampouco todas as centrais son iguais, e polo tanto, non poñen a mesma teima e ilusión na loita reivindicativa. Hainas que parten da derrota. Mesmo algunhas nen se formulan na súa estratexia a mobilización como algo fundamental pra conseguir melloras das condicións laborais, ou pra evitar os retrocesos provocados polo ánimo de maximizar o lucro pola parte empresarial. 

A OCDE, que xunto cos demais organismos internacionais axen como voceiros da gran patronal, acaba de chamar a atención a respeito de que o recuar nos ingresos dos asalariados/as pon en perigo a recuperación da economía, ao ser unha lousa sobre o consumo. É un reproche ás políticas de Rajoy e Feijóo, e cuestiona a súa eficacia. O que dá a razón ao sindicalismo de clase e nacionalista.

Te puede interesar