Opinión

A clase traballadora europea rebélase

Moitos dan por morto o movemento obreiro europeo. Con algo de razón, porque hai moito que as protestas masivas non ateigan as rúas, alén da teimosía dos gregos e portugueses, que mes tras mes fan manifestacións ou folgas, e algunhas outras excepcións como o noso país. Nos dous casos comentados cómpre recoñecer que en boa medida se debe á incidencia que teñen os partidos comunistas no ámbito sindical. Mais durante os meses de novembro e decembro, as protestas sindicais foron de novo noticia, amosando que o movemento sindical segue vivo.

O pasado 15 de novembro, facíanse manifestacións en 30 cidades da Francia, convocadas pola CGT e FO, ás que acudían centos de miles de persoas para amosar a súa oposición ás políticas regresivas de Valls e Hollande. Na Bélxica, a protesta era contra os recortes de 11 mil millóns de euros que pretende executar o novo governo. As centrais sindicais e máis de mil organizacións cívicas realizaban manifestacións o día 6 e de novembro así como paros o día 1 e 8 de decembro en varias rexións, e o día 15 en todo o país. Ou sexa, unha campaña sistemática de mobilizacións que reflicten a importancia que se lle dá a esta loita por parte das forzas convocantes. Pola súa banda a Grecia vivía o 27 de novembro a súa segunda folga xeral no que vai de ano. Tiña como finalidade protestar contra as políticas de austeridade e a presenza da Troika no país.

Na Italia, o 12 de decembro facíase unha folga xeral, convocada pola CGIL e a UIL, que non foi apoiada pola CSIL, a segunda maior central sindical, de inspiración católica. Estimouse a participación no paro nun 70% e millóns de persoas participaron nas manifestacións. O motivo da protesta son as reformas na lei laboral que, entre outros aspectos, elimina a reincorporación do traballador ao emprego cando non exista causa xusta de despedimento; tamén diminúe dereitos nos primeiros anos de contrato, e permite que os operarios/as podan ser sometidos a vídeo-vixilancia e obrigados a cumprir funcións diferentes das que figuren no contrato, etc. Renzi, considerado por algúns no Estado español como unha referencia da esquerda sistémica, e pai desta reforma regresiva, afirmaba “o tempo no que as manifestacións condicionaban o governo acabou”. Menos intención de diálogo e sensibilidade cos traballadores/as, imposíbel.

Agora ben, as protestas sindicais non só atinxen ao sur da Unión Europea, e preocupan a estes governos e patronal, xa que na Alemaña, o Consello de Ministros acaba de aprobar un proxecto de lei que restrinxe o papel dos sindicatos “minoritarios”, coa intención de frear a protesta laboral. Por exemplo, a dos sindicatos de maquinistas (GDL), que nos últimos meses convocou seis folgas que paralizaron o transporte ferroviario varias veces, e realizou loitas exitosas para manter dereitos e aumentar os salarios.

Mais, coido que se hai unha loita obreira que destacar na Europa, ademais da grega, e inmediatamente por detrás, é a de Portugal. Chama a atención, que ficando tan próximo, sendo un povo irmán noso na cultura, lingua e identidade, e habendo tanto reintegracionista no lingüístico, se teña tan pouco en conta na Galiza no aspecto social. A CGTP-IN, así como os partidos de esquerda, mobilizáronse unha e outra vez durante todo este ano, con obxectivos e unha folla de ruta previa moi clara e a longo prazo, fuxindo de todo espontaneísmo ou actitude derrotista. Por exemplo, a CGTP convocou o día 4 de decembro unha concentración nacional a prol das 35 horas e do poder local; e o 21 de novembro unha marcha masiva ate o Parlamento, no que se debatían os orzamentos de 2015, pra se opor as políticas de empobrecemento e explotación. Estas protestas repetíronse todo o ano, cun carácter xeral, de clase e nacional. A CGTP ten unha folla de ruta; é unha diferenza cualitativa que non se pode obviar.

Te puede interesar